Marín celebra o Carme en agradecemento ao coidado das xentes do mar durante esta pandemia, de gran impacto para o sector
O GALP Ría de Pontevedra conversa con Marián Sanmartín, concelleira de Festas do Concello de Marín; Pascual Martínez, irmán maior da Confraría Virxe do Carme, e Benito Fazanes, do restaurante Kloster de Seixo, sobre o Día da Patroa do Mar
Desde os seus cinco anos, Pascual Martínez Ferradás, o irmán maior da Confraría Virxe do Carme, recorda a procesión marítima-terrestre atravesar Marín cada 16 de xullo, a excepción daquelas veces nas que a choiva obrigou a cancelala. No Día da Patroa do Mar, miles de persoas, locais, movidas pola festa ou polos actos militares da Escola Naval, congréganse na vila para asistir á misa, bailar na sesión vermú e encher de barullo as rúas. Este ano, a pandemia obrigou a facer algúns cambios na programación da romaría pero a devoción pola Virxe e as ganas de reunirse coa veciñanza, a familia e as amizades son perennes.
“Para nós é un día sinalado no calendario e é agradable poder reunirse despois do tempo que estivemos confinados, necesitámolo”, comenta Marián Sanmartín García, concelleira de Medio Ambiente, Benestar Social, Igualdade, Educación e Festas do Concello de Marín. Desde o goberno local tiñan claro que a Festa da Virxe do Carme, a máis festiva, valla a redundancia, do municipio, tiña que celebrarse, aínda que non fora do xeito tradicional, pois “era unha mágoa non agradecerlle á Virxe o coidado de todos os mariñeiros”. O sector pesqueiro non se detivo durante todo este tempo, as e os traballadores do mar seguiron saíndo a faenar, cando as circunstancias o permitiron, para manter os mercados abastecidos de peixes e mariscos.
Despois daquel primeiro impacto da Covid-19 no mes de marzo coa declaración do Estado de Alarma, as máscaras, a distancia social e os xeles desinfectantes xa forman parte da rutina, incluso daqueles días máis excepcionais. Tal é o caso dos eventos que se levan organizando desde o pasado venres en Marín para celebrar o Carme. Un programa de dinamización local e musical, onde tanto artistas da zona como de ámbito galego teñen oco e co que o Concello busca “diversificar á xente para que non haxa aglomeracións e problemas de aforo”. Así, charangas, batucadas, grupos folclóricos, trucos de maxia ou monólogos despréganse por todo o casco urbano para que “a festa chegue a máis puntos” e non só quede na zona do parque Eguren e da Alameda.
“As cadeiras (colocadas para gozar dos espectáculos) van cunha separación de polo menos metro e medio, as máscaras son de uso obrigatorio e hai xeles en todas as actuacións”, explica Sanmartín, que, ademais, destaca a vantaxe que supuxo ese reparto das funcións para os negocios de hostalaría; “non nos podemos esquecer de que estiveron tres meses pechados e para eles supuxo unha perda económica moi importante”.
Desta situación dá boa conta Benito Fazanes Tenorio, do restaurante Kloster de Seixo (Marín), que reabriron o pasado 27 de maio, despois de estar confinados dous meses e medio. A resposta da clientela defínena de “incrible”: “Sorprendeunos como nos axudaba porque temos que aprender de novo a traballar co tema de que hai que montar todo no momento. É un esforzo terrible, físico e psicolóxico, e hai que estar continuamente desinfectando, aínda que nós xa traballabamos moito a limpeza do local, pero claro, isto hai que facelo, non queda outra, e fai moi custoso un servizo”. Fazanes valora positivamente as medidas que están a tomar desde o Concello para impulsar a economía local, como por exemplo, a concesión dun maior espazo na beirarrúa para poder colocar “máis mesas fóra que é o que a xente está reclamando máis”.
A concelleira considera que o festexo axuda á reactivación tanto da hostalería como do pequeno comercio ao xerarse un impacto económico “moito maior que ao dunha semana calquera”.
A procesión do Carme
Co obxectivo de garantir a seguridade das persoas que este xoves asistan a Marín para conmemorar á Patroa do Mar, a Confraría Virxe do Carme decidiu suspender a procesión marítima-terrestre. E é que as ganas de festa mestúranse co temor a saír da casa para asistir a este tipo de eventos, primando os desprazamentos a pequena escala.
“A pesar de que no Kloster colocamos uns paneis de vidro para separar os espazos e cumprimos coas medidas de seguridade, a xente, especialmente a maior, segue a ter moito medo” anota o hostaleiro que, con doce anos ás costas, conta cuns clientes que xa consideran “amigos da casa”, tras visitar o local ano tras ano. Nestes días comezan a notar máis movemento, turistas nacionais particularmente, xa que nesta nova normalidade toca apostar, en palabras de Sanmartín, por “gozar do que temos preto”.
Pola súa banda, Pascual Martínez chama ao sentidiño e á precaución neste día de celebración un tanto atípico. Lembra como noutros 16 de xullo terían comezado a adornar o barco ás cinco e media de mañá para deixalo a punto antes da misa do mediodía e a procesión das sete da tarde. Un labor que realizan co mesmo mimo e dedicación nesta ocasión para manter a imaxe da Virxe do Carme ben acompañada de flores e organizar a novena e as tres eucaristías desta mañá (9:30, 10:30 e 12:30 horas).
Aínda que a procesión marítima-terrestre non se realizará como tal, si que terá lugar a ofrenda floral en recordo das persoas falecidas no mar e a bendición das augas pola tarde da man do párroco de Santa María do Porto, que será trasladado polo remolcador Antonio Alonso, da empresa Amare Marín, como vén sendo habitual. O cura tan só irá acompañado pola tripulación da embarcación e aqueles pequenos barcos que se queiran unir a título individual.
Os pasarrúas, as actuacións musicais nas diferentes prazas e a animación infantil, moi necesaria a falta de atraccións e programada para a tardiña co alivio da calor, seguirán a axenda marcada polo Concello, tal e como informa a concelleira de Festas.
En canto á hostalaría, esperan completar o aforo permitido, aínda que o panorama é moi diferente a outras veces. “A día de hoxe hai catro reservas para estas datas cando a estas alturas xa non tería sitio para que se puidera sentar ninguén”, explica Benito Fazanes, mentres lembra como outros anos “cos familiares dos mozos da Xura da Bandeira” xa tiñan o local completo e organizándose con “case dous horarios”.
Agradecementos e peticións
“Quero que sempre estea comigo e eu con ela”, di con devoción o irmán maior da Confraría da Virxe do Carmen despois dos 45 anos que botou no mar e ter visto “de todas”. Agradécelle poder gozar de saúde e que vixíe ás xentes do mar para “que non haxa desgrazas” e pídelle cada día que “nos saque esta enfermidade grande de enriba, esta pandemia que veu para arruinar o mundo enteiro”. Unha petición que comparte tamén Marián Sanmartín: “Pedímoslle protección e amparo desde o punto de vista sanitario porque é moi importante”.
Pascual Martínez agarda que o próximo Día da Patroa do Mar o medio centenar de persoas que chegan a portar a imaxe da Virxe poidan volver practicar o paso menor desde a igrexa ata o porto de Marín. A edil toma nota desta “forma máis local” de facer festa e pensa manter o reparto das actuacións por toda a vila; “hai xente que nos di que lles gusta máis este estilo de festas, que son como máis tranquilas”, engade. E no Kloster, especialistas en peixe local, carne de presa e arroces, miran ao futuro coa esperanza de ter recuperado todo ao persoal do ERTE e volver a traballar como “a formiguiña e que a xente vexa que somos esixentes coa normativa e gañen confianza no noso traballo e nós coller ánimo que é o que nos toca”