Redacción 16/07/2020

O goberno de Feijóo esperou a despois da convocatoria electoral para anunciar novos recortes no sistema público de saúde: o Hospital Álvaro Cunqueiro pechará unha planta de pedriatría e o Hospital do Salnés perderá a ambulancia medicalizada. Xa a semana pasada, o sindicato de persoal de enfermería SATSE criticaba o peche de 400 camas durante o verán, aínda cando a situación pandémica continua entrañando importantes riscos.

 

A Xerencia da área sanitaria de Vigo decidiu, apenas dous días despois das eleccións, pechar unha planta de pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro, sen comunicación previa á representación sindical, e logo de ter declarado a dirección publicamente que este verán non se ían pechar plantas como en anos anteriores. A Xerencia alude á baixa ocupación dende hai semanas para xustificar esta medida, do cal se desprende certa premeditación e cálculo electoralista na escolla do momento para anunciala.

CIG-Saúde explica que esta decisión foi comunicada á ultima hora do martes, “tan só un día antes da súa posta en marcha”, xa que se fai efectiva hoxe mesmo, e só foi tras as protestas do persoal que se trasladou información á representación sindical sobre a reorganización da unidade. Para o sindicato, esta medida supón “unha falta de respecto ao persoal do servizo xa que non se lle informou coa suficiente antelación, provocando un gran malestar pola incerteza creada, tanto no aspecto organizativo do servizo como na súa vida persoal”.

Neste senso, lembran que a xerencia da área sanitaria anunciara e “alardeara” de que este ano non se ían facer peches de plantas. Dende CIG-Saúde entenden que “isto é un claro síntoma do que nos agarda durante estes catro anos de goberno de Feijoo”, advertindo contra futuros recortes e privatizacións.

Por outra banda, o goberno do PP na Xunta comunicou o pasado luns ao persoal da ambulancia medicalizada do Salnés que a partir do próximo mércores será trasladado a Sanxenxo, onde farán base no centro de saúde. A ambulancia medicalizada (con base no Hospital do Salnés) comezou a funcionar o pasado mes de outubro, despois de anos de reivindicación e mobilizacións por parte dos traballadores e do conxunto da cidadanía.  Non obstante, a CIG do Salnés xa denunciou que se trataba dunha ambulancia “low cost” ao contar cun médico e unha enfermeira pero só un técnico dos dous necesarios. Esta dotación de efectivos, apuntaron, “é a mínima para prestar unha atención axeitada e evitar a sobrecarga de traballo e o sobreesforzo no persoal”.

Agora, coa chegada do verán e dos turistas, a Xunta decide suprimir este servizo e trasladar a ambulancia a Sanxenxo, cunha poboación estábel moi inferior e cando este Concello está cuberto tamén pola ambulancia medicalizada de Pontevedra. Un cambio que se fai, ademais, sen comunicación previa aos traballadores e as traballadoras, sen informar en que condicións, nin concretar durante canto tempo.

Deste xeito, as 90.000 persoas que viven nos concellos de Vilagarcía, Cambados, Ribadumia, A Illa, Meis, Catoira, Vilanova e Caldas quedan outra vez sen ambulancia medicalizada “e se hai que facer un servizo de urxencia (como un infarto, onde os tempos son vitais) terá que vir a ambulancia dende Sanxenxo, que está a máis de 30 minutos de Vilagarcía ou de Catoira”.

Neste senso, lembran que no período estival a Consellaría de Sanidade reforzaba o transporte sanitario da área de Pontevedra pondo unha ambulancia medicalizada a maiores en Sanxenxo, pero desta volta, traslada a do Salnés “nunha decisión claramente política que non responde a un criterio sanitario senón a priorizar o benestar dalgúns turistas (no ano que menos visitantes hai a causa da pandemia), en detrimento do benestar do conxunto da cidadanía da comarca”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad