Redacción 14/07/2020

O TSXG informa descende un 19,4 % o número de denuncias presentadas por violencia de xénero en Galicia

A taxa de 9,8 vítimas por cada 10.000 mulleres é a segunda máis baixa do conxunto do Estado, onde se rexistra unha media de 14,4

Durante o primeiro trimestre do ano 122 persoas acolléronse á dispensa para non declarar, o que supón o 8,9 % das vítimas

 

Os xulgados galegos recibiron no primeiro trimestre do ano 1.397 denuncias por violencia de xénero, un 19,5 % menos que no mesmo período do ano pasado, cando se presentaron 1.736. A gran maioría das denuncias (1.060) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima. Descende tamén o número de mulleres que aparecen como vítimas, ao pasar de 1.520 nos tres primeiros meses do ano pasado, ás 1.370 deste, o que supón unha diminución do 9,9 %. Tanto a baixada do número de denuncias como de vítimas reflicten a incidencia da crise sanitaria da COVID-19, a pesar de que a actividade dos xulgados de violencia sobre a muller foi declarada esencial e non quedou afectada pola suspensión dos prazos procesuais nin paralizada en ningún momento.

Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), en Galicia os casos de vítimas que se acolleron á dispensa para non declarar aumentou un 62,7 %. Se nos tres primeiros meses de 2019 optaron por esta opción 75 mulleres, no mesmo período de 2020 fixérono 122, é dicir, o 8,9 % das vítimas.

Galicia situouse como a segunda comunidade coas taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) máis baixa do Estado, con 9,8 persoas, fronte ás 14,4 de media estatal. Durante o primeiro trimestre do ano solicitáronse 529 ordes de protección nos órganos xudiciais da comunidade, fronte ás 433 de 2019, o que supón un aumento do 22,2 %. Das 529 adoptáronse 360, o 68,5 %.

O 79,9 % das persoas axuizadas na comunidade galega por delitos relacionados con violencia de xénero entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo deste ano foron condenadas. Este dato sitúa á comunidade por baixo da media estatal, que é do 87,26 %.

Os datos estatísticos están dispoñibles na páxina http://www.poderjudicial.es/cgpj/es/Temas/Estadistica-Judicial/Estudios-e-Informes/Violencia-sobre-la-Mujer/

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad