Redacción 14/07/2020

O Partido Popular levou 10 dos 22 escanos que se reparte a provincia. O BNG consegue o maior aumento e acada a segunda posición, en consonancia cos resultados no resto do país, namentres a nova coalición de Podemos-EU-Anova fica fóra ao perder 80.000 votos.

 

As últimas eleccións ao Parlamento galego sucedéronse nun esceario inédito, no cal o comportamento do electorado era en grande medida imprevisíbel. En termos de participación, nin as altas temperaturas que convidaban a acudir ás praias, nin os medos relacionados coa situación de pandemia na que nos encontramos causaron unha baixa, sendo a suba na provincia de Pontevedra dun 4%.

O gañador dos comicios foi novamente o Partido Popular, se ben perdeu un 1% dos apoios con respecto da convocatoria de 2016 e un total de case 22.000 votos. Sitúase desta maneira baixo limiar da maioría, e o BNG e PSdeG repártense, a partes iguais, 12 dos 22 deputados da provincia de Pontevedra no Parlamento. 

A candidatura nacionalista, encabezada polos deputados Luis Bará e Montserrat Prado, duplica o número de votos e triplica os resultados en termos de escanos, acadando un total de seis. Estes serán ocupados, entre outros, pola viguesa Alexandra Fernández, exdeputada no Congreso dos Deputados por Anova na coalición En Marea, e o moañés Paulo Ríos “Kai”, Secretario Xeral de Galiza Nova.

O BNG conseguiu desta maneira captar grande parte do aumento da participación e dos votantes que optan por unha mudanza no rumbo do goberno galego, desprazando á coalición de Podemos-EU-Anova dese espazo e situándose lixeiramente por enriba do PSdeG. A candidatura socialista na provincia, que encabezou a concelleira viguesa Isaura Abelairas, conseguiu aumentar en 14.000 o número de votos, mais novamente ocupa a terceira posición con igual número de escanos que o BNG. 

A nova marca da coalición do partido de Pablo Iglesias con Esquerda Unida e Anova non logrou chegar ao 5% dos votos, sen os cales ficará fóra do Parlamento nesta nova lexislatura. Nas eleccións anteriores, configurados como En Marea, a candidatura que integraban estas formacións conseguira 107.000 votos, unha marca superada agora polo BNG, que absorve a maioría daqueles votantes e alcanza os 111.000 apoios na provincia.

Ficaron tamén sen representación as candidaturas da Marea Galeguista e Ciudadanos. Esta última  perde 14.000 votos, conseguindo apenas 4.000. Tamén a candidatura ultradereitista de Vox, que mobilizou a persoas de outras provincias do Estado como Zamora ou Cáceres para representaren ao partido como apoderados en Pontevedra, queda fóra do Parlamento ao obter menos do 2% dos votos.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad