Redacción 11/07/2020

A Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) acusaba onte aos comuneiros, a través dun importante xornal da comarca, de querer impor unha suba de 1.200% aos alugueiros dos terreos onde aqueles posúen as súas empresas e ameazaron con deslocalizarse en Portugal. A Comunidade de Montes desminte para Porriño Digital estas acusacións.

 

As empresas concernidas pola necesaria renovación dos alugueiros encóntranse sitas no terreo coñecido como Monte Faquiña, cuxa propiedade foille recoñecida aos comuneiros de Tameiga por sentenza xudicial en 2016 tras un litixio co Concello. Estas concesións posuían un prazo máximo de vixencia de 50 anos e foran dados en condicións moi ventaxosas polo Concello, namentres este ostentaba de maneira ilexítima a súa propiedade, a cambio dos investimentos empresariais. Trala sentenza os comuneiros respectaron os termos dos acordos, mais estes comezarán a vencer nos vindeiros anos, polo que é precisa a súa renegociación.

Este é, de feito, un dos puntos nos que incide o Presidente da Comunidade de Montes en declaracións a este xornal: aínda é necesario negociar os novos prezos dos alugueiros que, segundo entende o representante dos comuneiros, non poderán gozar das substanciais rebaixas concedidas con anterioridade pois non son precisos xa grandes investimentos nos terreos. A proposta dos comuneiros é traballar sobre as valoracións dos prezos por metro cadrado que contempla o propio Concello. Por todos estes motivos, os comuneiros rexeitan as acusacións de AEMOS e negan querer impor unha suba do 1.200%, pois aínda é necesario en moitos casos empezar as negociacións.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad