O Concello de Mos informou onte da instalación dunha nova sinalización do Castro de Torroso nas proximidades do xacemento. Esta instalación foi proxectada, supervisada e dirixida polo arqueólogo Alberte Reboreda xunto co arquitecto municipal.
Trátase de paneis interpretativos nas inmediacións do Castro a fin de poñelo en valor e favorecer o seu coñecemento e divulgación entre a poboación en xeral e, en particular, entre os estudantes do IES de Mos, situado nas proximidades do xacemento. Dita actuación foi realizada a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra, destinada á rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico – cultural dirixida aos concellos de Pontevedra.
Na primavera do ano 1983 descubriuse fortuitamente un xacemento en Torroso, moi preto do límite con Petelos, logo de que os temporais do inverno deixasen ao descuberto fragmentos cerámicos. As características morfolóxicas e técnicas destes vestixios motivaron o inicio dunha serie de escavacións, levadas a cabo entre 1984 e 1990 por Antonio de la Peña Santos2, nas que se puido comprobar que se trataba dun xacemento castrexo.
Os paneis interpretativos instalados para sinalizar o Castro de Torroso explican que é un dos máis senlleiros de Galicia, dos mellor estudados e dos de maior interese científico e cultural. Conta cunha extensión dunhas 2,8 ha e unha altura máxima de 137 metros que lle permiten dominar uns terreos moi aptos para o aproveitamento agrícola e forestal. Ao nordeste desta aldea fortificada prehistórica corre un regato que lle proporcionaba auga e pesca, ao igual que o río Louro, que flúe a 1,7 km do xacemento polo leste. Este río discorre ao longo dunha parte da Depresión Meridiana, unha grande fractura xeolóxica natural que une Tui con Padrón e que constitúe un lugar de paso natural privilexiado para o tránsito de persoas e mercadorías.
Nestes paneis tamén se expón información específica sobre cronoloxía, defensas, vexetación, gravados rupestres, cerámicas, obxectos líticos e pezas de metal no Castro de Torroso. As accións materializadas polo Concello de Mos nesta actuación son a instalación dunha información interpretativa existente no acceso ao xacemento. E un total de 2 atrís interpretativos utilizando materiais resistentes á beira do camiño público que dá acceso ao xacemento.
Esta iniciativa está destinada a dinamizar o medio rural, favorecendo a aproximación cognitiva da xente natural de Mos e a súa bisbarra, así como da que nos visita a un dos principais recursos patrimoniais de carácter natural e cultural do concello e da comarca da Louriña, o que lles permitirá gañar en sensibilización respecto do coidado e preservación dos recursos e do medio natural e cultural e favorecer a difusión e coñecemento dos recursos patrimoniais propios, a súa localización precisa, e unha caracterización rigorosa.