Redacción 10/07/2020

O TSXG confirma a condena de cinco anos de cárcere para o home que violou unha menor en Narón

A Sala do Civil e Penal do TSXG rexeitou o recurso presentado contra a sentenza ditada pola sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña que condenou a cinco anos de cárcere un home de 24 anos por abusar sexualmente dunha menor á que coñeceu nun pub de Narón en febreiro de 2017.

O Superior salienta que “nin ao amparo do erro na valoración da proba, nin ao fío da presunción de inocencia” sería viable que o alto tribunal substituíse a valoración da proba que fixo a Audiencia. Pola contra, segundo os maxistrados, o que procede é “verificar se a análise probatoria se desenvolveu adecuadamente en función dos principios constitucionais e procesuais”. Así, conclúen que “non existe predeterminación do fallo” e que non se incorporaron aos feitos probados “elementos alleos ao acervo probatorio”.

O TSXG indica que son “elementos claramente acreditados” a embriaguez da vítima, o afastamento da súa contorna de amigos e a súa deambulación co acusado, así como a inexistencia no procesado de intoxicación etílica. “Non queda claro cal é o ámbito do erro que invoca o apelante, salvo que pretenda soster que, á vista do seu coeficiente intelectual, era incapaz de comprender que a relación sexual debía de ser consentida ou, noutro caso, que formaba parte do total desenvolvemento da ‘noite de marcha salvaxe’, tal como é definida no recurso de apelación”, indican os maxistrados, á vez que salientan que a liberdade sexual é “un ben xurídico que non se pode entender, nunca, ensombrecido porque se desenvolvan previamente actos propios dunha festa”.

“A idea de que esas circunstancias, mediando alcol e substancias estupefacientes, se convertan nunha sorte de todo vale non a podemos admitir, pois aínda aceptando todo o escenario descrito, cabería afirmar, entón, que precisamente as circunstancias da menor facían tanto máis necesario un consentimento expreso por actos propios ou expresións que nin aparecen no sumario nin se acreditaron no plenario, sen que o feito de que a vítima poida lembrar os feitos con claridade supla tal falta de consentimento”, destaca o TSXG na sentenza.

 

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad