Redacción 02/07/2020

“Súmate ao cambio” A Campaña para que os homes asuman a corresponsabilidade nos coidados “que sempre estiveron en mans das mulleres”

A Deputación apela á responsabilidade compartida na atención á infancia, persoas maiores ou dependentes para que as mulleres non teñan que seguir a hipotecar as súas carreiras e a súa saúde

Carmela Silva: ”É unha revolución, a COVID situou os coidados no centro e temos que incorporarnos homes e mulleres ao 50%. Non haberá cambio se eles non se suman”

As mulleres son o 89% das persoas coidadoras en España e representan o 95,2% das reducións da xornada laboral para coidar dalgún familiar, amais de que realizan o 76% do traballo non remunerado de coidados no ámbito doméstico e público. É unha inxustiza histórica porque son elas as que hipotecan a súa carreira, a súa saúde e as súas vidas para ocuparse de persoas maiores, dependentes ou nenos e nenas. Baixo esta premisa e co obxectivo de poñer o foco na corresponsabilidade nos coidados, chega “Súmate ao Cambio” a nova campaña da Deputación de Pontevedra que apela directamente aos homes a que enfronten o gran reto social da responsabilidade compartida.

“Falamos dunha enorme transformación social que temos que desenvolver entre todas e todos. A COVID situou os coidados e a vida no centro e temos que incorporarnos de forma conxunta, homes e mulleres, á corresponsabilidade. Estamos ante un reto inaprazable”. Así explicou a presidenta Carmela Silva, o obxectivo desta campaña na sede viguesa, decorada cos paraugas do 8M e flores dos viveiros do Baixo Miño. Silva, que estivo arroupada por varias das mulleres e homes protagonistas do audiovisual, recordou que os coidados son un dos piares do noso estado de benestar, algo que evidenciou a crise sanitaria. “Sen coidados, o mundo párase, e ata o de agora recaeron case en exclusiva sobre as mulleres cun alto coste persoal, de saúde e profesional. Temos que centrar o debate con esta campaña, para que eles tamén se sumen ao cambio. Os coidados no centro pero ao 50% e as administracións teñen que tomar medidas. Non haberá cambio nin revolución nos coidados se eles non se suman”.

A presidenta sinalou que ela xa non fala de conciliación. “Eu falo de corresponsabilidade. Despois da Covid o que era unha preocupación é agora unha alerta. Ás mulleres costounos moitísimo saír da casa e ter unha carreira ou un traballo. E de repente nos falan do teletraballo e nos volven a meter na casa dicindo que así podemos volver a coidar cando están pechados centros de día, educativos ou ludotecas.  ¿Como imos cumprir coa nosa actividade profesional? ¿a salto de mata?, preguntou Carmela Silva. Todo isto nos causa moita impotencia e o teletraballo ten que enfocarse con perspectiva de xénero”

O coronavirus mudou as prioridades e reafirmou a importancia do público ao tempo que deixaba máis en evidencia que nunca as desigualdades históricas no sistema de coidados. Por elo, mulleres que limpan, que investigan, que curan, que atenden, que sosteñen o fogar, que traballan no mar e no campo, que defenden os nosos dereitos, que crean cultura, en definitiva, mulleres que nos coidan, “esenciais“ na crise da Covid19, son protagonistas da campaña da Deputación xunto a homes “que xa están comprometidos con este cambio”· A presidenta sinalou que na crise “elas foron o motor que mantivo en pé miles de fogares, ducias de factorías, empresas, hospitais, centros de día, ou supermercados. Esta situación non é nova. As mulleres compaxinan desde hai décadas os coidados coa investigación biomédica, a medicina, a limpeza dos hospitais, a protección das rías, a pesca, a creación artística, a defensa dos dereitos laborais e con proxectos empresariais que crean riqueza na provincia, pero á vez teñen que sacrificar a vida laboral e social para atender tamén os coidados. Por iso, engadiu, chegou a hora en que a corresponsabilidade se incorpore á nosa realidade e que vaia da man doutras palabras fundamentais para acadar a igualdade como son a carreira profesional feminina, a inversión en ciencia, a mellora da sanidade, o emprego ou o salario digno”.

A presidenta agradeceu ás mulleres da campaña o seu compromiso. “Son referentes e nos lembran cada día as aportacións que realizan as mulleres en tódolos ámbitos sociais e económicos”. Mulleres como María Elena Cartea, directora da Misión Biolóxica de Galicia; Ana Belén Valiño, secretaria Xeral de MCA-UGT; Carmen Fernández, a voz das nosas nais e avoas; Rosa Vilán, mariscadora  en Arcade, ou Victoria Besada, directora do Instituto Español de Oceanografía. “Como elas, foron moitas as que asumiron en gran medida o coidado e organización dos fogares, dixo Silva, as que se expuxeron nos hospitais, mantiveron o bo funcionamento da cadea alimentaria, ou as que atenderon ás persoas maiores nas residencias”. A presidenta provincial recordou que é hora de mudar esta situación. Os coidados son una responsabilidade colectiva e un reto que temos pendente de resolver como sociedade. Por iso, dixo, as administracións debemos traballar e tomar medidas para avanzar máis rápido en termos de corresponsabilidade”.

No acto de presentación en Vigo, ao igual que no audiovisual da campaña, tamén participaron homes que xa decidiron sumarse ao cambio para facer efectivo o principio de igualdade, entre eles o avogado Ángel Piñeiro,o deportista Adrián Alonso, o xornalista Jacobo Buceta ou Enrique Mallón de Asime. Carmela Silva agradeceu a súa complicidade porque “son homes que escoita moita xente e que xa están convencidos de que os coidados son cosa de todas e todos. Temos que sumar aos nosos compañeiros de vida aos que lles dicimos que xa non poden facerse máis o avión e que teñen que sumarse ao cambio”

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad