A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a alcaldesa de Mos asinaron o convenio de colaboración que permite iniciar a contratación desta obra pública. Trátase dunha actuación do Plan Hurbe, para o que se aprobou unha retención de crédito hai unhas semanas.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá licitar este verán as obras de humanización da contorna parroquial de San Mamede de Torroso en Mos, despois de que a conselleira e a alcaldesa de Mos asinaran esta mañá o convenio de colaboración entre a Consellería e o Concello. Esta actuación é un proxecto que se inclúe no Plan Hurbe, un programa posto en marcha polo Goberno galego para impulsar e colaborar en actuacións enfocadas a mellorar os espazos públicos, tendo en conta as necesidades de utilización e en relación coa mellora da contorna, o ambiente e a calidade de vida.
Neste caso concreto, a intervención consiste en acondicionar unha zona de esparexemento na contorna parroquial de San Mamede de Torroso, co fin de mellorar e poñer en valor unha zona moi concorrida do municipio e punto de encontro para moitos veciños, pois localízase en pleno centro de Mos e moi próximo á igrexa da parroquia que leva o mesmo nome.
Todos estes traballos, cun custo de 437.500 euros dos que a Xunta achegará o 70% e o Concello de Mos, o 30% restante, dan reposta ao reto da Xunta de acadar un urbanismo responsable e apostar pola recuperación e o reequilibrio territorial entre as vilas e cidades galegas. Por iso, puxo en valor a importancia de establecer lazos de colaboración cos municipios en proxectos que, coma este, buscan mellorar e potenciar espazos e equipamentos públicos xa existentes para facilitar a accesibilidade aos mesmos e poñer en valor certas zonas, mellorando o benestar e a calidade de vida dos seus veciños.