Ampliado até o 5 de agosto o prazo para a presentación de solicitudes
Até o 5 de agosto ampliouse o prazo de presentación de solicitude de axudas para reformas, rehabilitación, mantemento e mellora das vivendas situadas dentro da Área de Rehabilitación Integral de Tui. O prazo rematara inicialmente o 19 de maio, pero tendo en conta a declaración do estado de alarma dende o Concello decidiuse ampliar o mesmo en case dous meses máis.
As persoas interesadas poden descargar o impreso de solicitude en http://www.tui.gal/gl/axudas-na-ari, solicitalo por correo en ari@tui.gal, ou recollelo persoalmente na oficina da ARI solicitando cita previa. Pódese ampliar esta información no 986 60 36 25 ext. 34 os martes de 9:00 a 14:00 ou no correo ari@tui.gal.
Esta axudas están reguladas polo Plan Estatal de Vivenda a través do convenio asinado entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia e o Concello de Tui.
As actuacións subvencionables son as de mellora da eficiencia enerxética e sostenibilidade das vivendas unifamiliares e de tipoloxía residencial colectiva, incluídas as que se fagan no interior das súas vivendas (mellora envolvente térmica, novas instalacións…). Tamén se poden beneficiar das actuacións de conservación en xeral e de mellora da seguridade de uso e da accesibilidade. (instalación de ascensor, salvaescaleiras, ramplas, baños accesibles…). Tamén se poden beneficiar destas achegas a execución de obras ou traballos de mantemento e intervención nas vivendas unifamiliares e nos edificios, incluso no interior das vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns.