A sede da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Mos reabriu onte de novo as súas instalacións, para volver atender ás persoas con cancro e as súas familias de forma gradual e de acordo á Guía de boas prácticas nos centros de traballo do Ministerio de Sanidade. Polo momento, o horario será reducido, todos os mércores de 10 a 12 horas en San Rafael – Camiño Campo de Eiró 100 (Mos).
O regreso paulatino aos servizos presenciais faise coa máxima seguridade e de acordo co protocolo de prevención en riscos laborais da organización. Así, cumprirase coas accións adoptadas en relación coas medidas organizativas, de distanciamento interpersoal e de hixiene, para garantir unha volta segura aos profesionais da Asociación, ao equipo de voluntariado e ás persoas beneficiarias.
A Asociación segue mantendo os seus servizos a distancia para todas aquelas persoas que prefiran non acudir de maneira presencial, pero necesiten a axuda dos profesionais e voluntarios da AECC. Neste sentido a AECC mantén a rede de apoio para que ningunha persoa con cancro senta soa, desatendida ou desinformada nesta crise sanitaria: servizo gratuíto de Infocáncer (900 100 036) as 24 horas do día, os 7 días da semana, sesións de vídeoconsultas, programa de voluntariado online e presencial, axuda a través de redes sociais, ou a aprobación dunha partida extraordinaria de 3 millóns de euros para facer fronte á vulnerabilidade social das familias con cancro.
A crise sanitaria non impediu que a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) seguise desenvolvendo a súa actividade asistencial, coa utilización de ferramentas telemáticas e dixitais. “Desde a AECC continuamos coidando das persoas máis vulnerables como é a poboación con cancro, ofrecéndolles apoio e acompañamento no ámbito psicolóxico, social e logopédico; traballando en prevención e en educación en saúde; e financiando proxectos de investigación oncolóxica”, explica Magdalena Domínguez, presidenta da Sede Local de Mos.
Ademais, a asociación tamén apoiou emocionalmente ás persoas afectadas pola COVID-19, ás familias que perderon un ser querido, independentemente da causa do falecemento e aos profesionais de servizos esenciais. En total, desde o 16 de marzo ao 29 de maio, os profesionais da AECC Pontevedra e o equipo de voluntariado realizaron 48 intervencións en Mos entre poboación con cancro, pacientes de COVID-19, familiares, profesionais sanitarios, entre outros.