Concentracións de SOS Sanidade Pública en todo o país contra a xestión e o modelo da Xunta de Feijóo
A plataforma SOS Sanidade Pública celebrou onte concentracións por todo o país para prostestar contra as eivas que dende anos arrastra o sistema galego de saúde pública e que se revelaron de maneira especial durante a pandemia do COVID-19. Critican a xestión da crise sanitaria e reclaman a reversión das privatizacións, melloras para traballadores e usuarios, e un cambio na dirección do goberno autonómico nas vindeiras eleccións.
A lectura do manifesto, único para todas as convocatorias, comezou lembrando as milleiras de persoas falecidas en todo o Estado español. Os convocantes quixeron honrar especialmente a memoria das vítimas de maior idade, 300 delas falecidas en residencias de maiores na Galiza, e aos 62 profesionais sanitarios e non sanitarios tamén finados.
Segundo a plataforma, a poboación galega atópase nun importante risco particularmente nesta situación de pandemia, por mor da falla de persoal, a baixa taxa de camas hospitalarias, o desmantelamento de hospitais comarcais e, sobre todo, o abandono da Atención Primaria. Se ben as condicións específicas da Galiza, como a dispersión poboacional, a escasa masificación dos transportes públicos e a baixa circulación de persoas doutros territorios, provocaron un número menor de contaxios, a Atención Primaria non estaría equipada para evitar o colpaso se os efectos fosen maiores. SOS Sanidade Pública relaciona esta situación cunha mala fe na xestión dos recursos públicos do sistema de saúde en favor da rede de atención privada, acusando ao goberno de Feijóo de paralizar hospitais públicos na atención a outras enfermidades e aumentar as listas de agarda para derivar, tal como está acontecendo de maneira masiva, a pacientes ao sistema privado. Denuncian tamén o compromiso de Feijóo de dar á sanidade privada os fondos que o Estado destinará ás comunidades para afrontar a crise sanitaria.
A Asistencia Primaria e as condicións laborais dos traballadores son, de feito, un dos principais eixos das reivindicacións expostas nas concentracións. Os continuos recortes do goberno de Feijóo conxestionaron este servizo esencial do sistema, ao deixalos sen os medios, equipamento e persoal suficiente. Alén disto, aseguran que os seus profesionais sufriron unha maior falla de protección e inadmisíbeis atrancos na realización de probas diagnósticas entre os traballadores. No canto de destinar 250 euros nun cheque para que cada traballador poida gastar en lecer, tal como anunciou a Xunta recentemente, exixen o reforzamento da Atención Primaria como eixo do sistema público.
Por outra banda, o manifesto tamén tratou o asunto das residencias de maiores. Novamente, as decisión políticas de Feijóo, que dende 2009 comezou a transitar cara un modelo privatizado, son o centro do problema segundo SOS Sanidade Pública. Máis da metade das mortes en residencias aconteceron en centros privatizados en favor, en grande medida, de grandes multinacionais, fondos de inversión e organizacións clericais. Estes centros adoecen de deficiencias de persoal, material sanitario e dun correcto cumprimento de protocolos, e a plataforma quixo salientar este feito subliñando tamén o labor heroico dos seus profesionais.