Grazas a varias subvencións autonómicas e do Plan Concellos da Deputación acometerá próximamente un total de 6 obras de reposición do firme que mellorarán a seguridade viaria nas parroquias de Guizán, Tameiga, Mos e Cela.
O Concello de Mos mellorará próximamente a seguridade viaria en estradas do municipio coa realización de seis obras de asfaltado nas que se investirá un total de 453.324,09 de euros. Estes traballos serán posibles grazas a axudas autonómicas e do Plan Concellos.
A administración local mosense márcase neste senso, desde fai xa varias lexislaturas, o obxectivo de realizar unha batería de asfaltados ao ano, que forman parte do Plan Anual de Mellora de Viais Municipais. E dentro deste Plan, o Concello informou hoxe, na véspera do incio da campaña electoral, que próximamente se levarán a cabo as seguintes obras: o asfaltado do Camiño de Coviñas en Guizán, da Estrada Louriñó-Sobráns tamén en Guizán e do Camiño do Pazo en Tameiga, do aparcadoiro de San Eleuterio, do Camiño da Quringosta no barrio da Zapateira en Mos e da Estrada Generoso Domínguez ata o cruce de baixada á Picota.
O primeiro dos asfaltados en acometer será o do Camiño de Coviñas, xa que o inicio dos labores de reposición do mesmo é inminente: comezan o vindeiro luns, 22 de xuño (conta cun orzamento de 27.030,68 euros e está subvencionado polo Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais da Xunta de Galicia). Para os demais atópanse tramitadas subvencións ás respectivas administracións provincial e autonómica. Para a Estrada Louriñó-Sobráns, cun orzamento de 261.467,64 euros, e o Camiño do Pazo, con orzamento de 57.270,68 euros, tramitouse subvención con cargo ao Plan Concellos; ao igual que no caso do aparcadoiro en San Eleuterio (cun orzamento de 36.000 euros).
Tamén con cargo ao Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais da Xunta tramitouse a solicitude de axuda para asfaltado e mellora da seguridade viaria no Camiño da Quiringosta, que ten un orzamento de 41.555,09 euros. E con cargo ao PIR da Xunta de Galicia solicitouse subvención para o asfaltado da Estrada Generoso Domínguez ata o cruce de baixada á Picota, que ten un orzamento de 30.000 euros.