A pasada sexta feira celebrouse a primeira voda civil do municipio desde que se desatou a crise sanitaria do COVID-19. O noivo recibiu á noiva tocando o berimbau, xa que ambos son practicantes de capoeira.
O regreso á nova normalidade fai retomar moitas das actividades que quedaran interrompidas polo estado de alarma derivado da crise sanitaria do COVID-19. Unha delas foron as ceremonias de casamento. No Concello de Mos celebrouse a pasada sexta feira a primeira voda civil desde que se desatara a pandemia e fíxose a ritmo de Capoeira. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, oficiou ás 12.00 horas no Pazo de Mos o casamento de dous mozos practicantes desta disciplina, polo que o noivo recibiu á noiva tocando o berimbau e cantando unha cantiga de Capoeira.
Os contraíntes son veciños de San Antoíño, parroquia de Louredo, e nados en Perú e Brasil, respectivamente. Estiveron acompañados de cadansúas familias (respectando o máximo de convidados establecido por lei para esta nova normalidade condicionada polo COVID-19) e a súa mascota foi a encargada de levarlles as alianzas. A rexedora local mosense, Nidia Arévalo, destacou “o emocionante que é retomar unha actividade tan fermosa e emotiva como é o oficio das vodas civís, na que celebramos o amor entre dúas persoas e o amor da familia e dos amigos”, e declarou sentirse “satisfeita de que pouco a pouco todo vaia volvendo á normalidade e no Concello poidamos ir retomando actividades tan gratificantes coma esta, que son de tanta relevancia na vida das persoas e fan tan feliz á veciñanza mosense”.