Redacción 20/06/2020

A Deputación enche de Música a Avenida de Montero Ríos no seu primeiro acto na rúa tras a COVID19

Carmela Silva: “É moi emotivo reencontrarnos ocupando o espazo público e facelo coa música que durante o confinamento foi a que nos mantivo con raios de esperanza. Agora lle temos que devolver todo o que nos deu”.

Vigo toma o relevo esta tarde ás 20.00 coa actuación de Macarena Montesinos e Nuria Sotelo en plena Porta do Sol

“Non hai nada como poder estar en espazos onde a cultura o impregna todo”, asegurou Carmela Silva quen, emocionada, amosou a súa ledicia ao ver a rúa, o espazo público, recuperado pola cidadanía na celebración do Día Internacional da Música. A presidenta da Deputación quixo aproveitar a celebración desta efeméride, en Pontevedra e en Vigo ás 20.00 horas, para facer un recoñecemento á xente da cultura: “durante o confinamento a cultura, e particularmente a música, foi a que nos mantivo con raios de esperanza, de xeito altruísta, e agora lle temos que devolver todo o que nos deron”.

A presidenta da Deputación destacou que a vontade do goberno provincial era que “o noso primeiro acto público estivera ligado á música” e, deste xeito, adiantou a hoxe a celebración do Día Internacional da Música, que se celebra o 21 de xuño, con dous actos nos que a música, as artes escénicas e a plástica se deron cita.  “Queríamos que a Deputación saíra de novo ás rúas e queríamos facelo nun primeiro acto público con música, con estes acordes que nos fan ser tan felices”, destacou a presidenta provincial.

En Pontevedra o espectáculo correu a cargo de Nelson Quinteiro quen realizou unha actuación multidisciplinar na escalinata exterior do Pazo provincial. Quinteiro, xunto aos músicos Brais González, Álvaro Cardalda, Iago Prieto e Roi Adrio mesturaron as melodías de “Músicas de Domingo” coa pintura ao vivo de Alba F. Troiteiro e a danza de Iván Villar.  Mentres os músicos e o propio Quinteiro ocupaban a parte baixa das escaleiras, interpretando as diferentes pezas musicais e interactuando co numeroso público asistente, o bailarín danzaba nas escaleiras e a artista situábase na parte superior, xunto ás portas de acceso ao edificio, elaborando un gran cadro que representaba unha nena cun corazón entre as súas mans, simulando a parte emocional da música.

Trala celebración do Día Internacional da Música en Pontevedra, ás 20 horas a Porta do Sol de Vigo toma o relevo coa actuación “Quen canta o seu mal espanta”, protagonizada por Macarena Montesinos e Nuria Sotelo. Novamente a música, neste caso do cello, mesturarase coa danza, nunha peza flexible e visual, transmitindo todo “o bo” que trae a música “para espantar – tal e como destacou a presidenta- hoxe máis ca nunca, o mal”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad