Montarán os seus postos ao longo dun só lateral da rúa dende San Sebastián ata a praza do Concello
Un total de 120 postos de venda instalaranse nas rúas peonís do Porriño, entre San Sebastián e a praza do Concello, na volta do mercado ambulante que terá lugar o vindeiro martes 23.
O concelleiro de Mercados, Sergio Casal e representantes do sector de vendedores pecharon o xoves o acordo sobre as bases do que tiñan negociado o pasado luns.
Confírmase a nova distribución de espazos. Concelleiro e ambulantes acordaron que os 120 postos de venda só sexan montados nun lateral das rúas. Cada posto ocupará un máximo de 6 metros lineais e haberá unha distancia de 2 m co seguinte.
A orde de montaxe será por antigüidade e os postos de venda de productos alimentarios e prantas instalaranse na rotonda de San Sebastián.
Para garantir que o mercado ambulante funcione con normalidade, a rúa Pío XII estará cortada ao tráfico rodado. E os ambulantes deberán descargar, montar os postos e retirar os seus furgóns antes das 08.30 h e recoller a partir das 14.00 h.
No que atinxe á limpeza, cada ambulante comprométese a recoller en sacos e bolsas o lixo que se produza no seu posto. Ademais, en todos os postos de venda, haberá xel hidroalcólico e será obrigatorio o emprego de máscarillas de protección.