Nesta xuntanza, que por primeira vez será celebrada en liña, participarán palilleiros e palilleiras de países como Portugal, Italia, Bulgaria e Arxentina.
Continúa a celebración da Festa da Rosa 2020, este ano en formato dixital. E dentro do programa virtual de actos festivos non podía faltar a tradicional e emblemática Xuntanza de Palilleiras de Mos que este ano cumpriría a sía XIII Edición presencial e, ao non poder ser así, celebrarase a I Xuntanza Virtual de Palilleiras e Labores de Mos.
Cada ano reúnense nesta xuntanza en Costoias unha media de medio milleiro de palilleiras e palilleiros chegados de toda Galicia, de diferentes puntos da xeografía nacional e do país veciño, Portugal. Este 2020 será a edición máis internacional coa participación de palilleiros e palilleiras de países como Portugal, Italia, Bulgaria e Arxentina. Nesta ocasión a participación será virtual a través da Páxina de Facebook Palilleiras de Mos @mospalilleiras. E terá lugar o vindeiro sábado 20 de xuño a partir das 11.00 horas da mañá.
Despois da de Camariñas, esta xuntanza é a única destas características de toda Galicia e por suposto de toda a provincia de Pontevedra. Desde o pasado 31 de maio a Asociación de Palilleiras de Mos (organizadora do evento), que preside Montserrat Pereira Troitiño, leva preparando esta Xuntanza Virtual que se atopa agora en fase de ensaios xerais dos desfiles que o sábado poderán visualizarse sobre unha espectacular alfombra vermella no habitual enclave de Costoias.
A presidenta Montse Pereira declaraba a este respecto que “o vindeiro sábado en Costoias disfrutaremos de moitos vídeos, ilusión e moda… e non queremos que os espectadores se perdan nada desta I Xuntanza Virtual Palilleiras e Labores de Mos. Ademais quixemos nesta ocasión que o ánimo…a ilusión…o encaixe…e a cultura…non decaíran a pesares da crise sanitaria do Covid 19”.
O programa de actos a desenvolver virtualmente ao longo de toda a xornada do vindeiro sábado será:
11.00 horas – Vídeos de benvida ao Concello de Mos, e d@s palilleir@s, asociacións e amig@s galegos e do resto de España.
12.30 horas – Vídeo Tutorial “Capricho de Bolillos” de Elena Pérez coa colaboración de Aurora Ramos.
13.00 horas – Saúdan as institucións: a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro.
13.30 horas – PalillaMos desde casa. (Vídeos de palilleiros e palilleiras de Mos palillando desde os seus fogares).
14.00 horas – Tempo para comer.
16.00 horas – PalillaMos desde casa. (Vídeos de palilleiros e palilleiras de Mos palillando desde os seus fogares).
16.15 horas – Homenaxe á Palilleira de Mos de máis idade.
16.30 horas – Disfrutamos de Encaixes Internacionais.
17.30 horas – Exposición “Camiño do Enacixe” Ana Rosa Lista. Ames Galicia.
18.00 horas – Desfiles:
* DesfilaMos
*”Esmorga do Fío” a cargo de Xelís Luaces. Muxía.
19.30 horas – PalillaMos desde casa. (Vídeos de palilleiros e palilleiras de Mos palillando desde os seus fogares). En total participarán un total de 35 palilleiros e palilleiras mosenses ao longo do día.
20.00 horas – Clausura da I Xuntanza Virtual de Palilleiras e Labores de Mos, un día de bolillos en formato virtual.