Redacción 16/06/2020

Trátase dun proxecto enmarcado no Plan HURBE polo que a Consellería de Medioambiente, Territorio e Vivenda financia o 70% do orzamento total da obra, que ascende a case 400.000 euros segundo o Concello. A oposición absténse ao entender que o goberno municipal non compartiu cos demais grupos toda a información necesaria.

 

O Pleno Extraordinario do Concello de Mos celebrado telemáticamente esta mañá aprobou por maioría dos seus membros a retención de crédito que permitirá obter financiamento da Xunta e costear en dous anos as obras de humanización da contorna da parroquia de San Mamede de Torroso. Tal financiamento procederá da Consellería de Medioambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia con cargo ao Plan HURBE que cubrirá o 70% da obra, namentres o Concello aportará o restante 30%.

Este axuste dos orzamentos no marco do Plan HURBE aprobouse cos votos a favor do equipo de goberno local e as abstencións de PSOE, GañaMOS e BNG. A oposición concorda en sinalar que o Concello non aportou aos demais grupos a documentación necesaria que permitiría os seu votos a favor, como son o propio proxecto da obra e o convenio coa Xunta.

A voceira socialista, Victoria Alonso, declara que a abstención do seu grupo non se debe a un rexeitamento do proxecto nin da obtención de financiamento da Xunta. Critica porén o xeito de proceder do Concello, que non compartiu os detalles do proxecto a pesar de telo definido imposibilitando pola súa parte un posicionamento firme, e reclama maior transparencia. A responsable dos socialistas de Mos exixe tamén que as inversións non sexan feitas soamente en tempada electoral.

Estas críticas son en grande parte compartidas polo responsable do grupo GañaMos, Roberto Rodriguez, quen tampouco puido dar confianza ao proxecto sen antes ter os detalles. Critica á alcaldesa que non informase debidamente á oposición, a pesar de ter disposto do tempo para facelo, e reclámalle ao goberno a oportunidade de contribuir con ideas.

Pola súa banda, o voceiro do BNG no pleno, Gustavo Barcia, súmase a estas críticas de falla de transparencia e colaboración por parte do Concello, e subliña que a opinión dos veciños ao respeito non foi escoitada. A propia candidatura nacionalista levaba no seu programa electoral a proposta de humanización das contornas das igrexas, polo que a súa abtención tamén está relacionada coa maneira de proceder do goberno local. 

Segundo informa o Concello, o seguinte paso será a aprobación do proxecto en Pleno. O Concello de Mos leva desde outubro traballando neste proxecto que se atopa dentro do Plan Municipal ‘Mos Humanizado’ e neste senso a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, agradeceu hoxe enormemente o arduo labor no mesmo tanto do arquitecto municipal, Manuel Toucedo, como da arquitecta mosense Estefanía Grandal, que quixo sumarse desinteresadamente a este proxecto.

Mediante nota de prensa, o Concello fai públicos algúns detalles: o prazo de execución desta obra é de 9 meses e os traballos que se realizarán consisten nun proxecto de urbanización e acondicionamento para uso de lecer e esparcemento, tratando de unificar o conxunto do vial e o torreiro da festa cunha pavimentación con materiais pétreos, así como deseño dunha peza de unión realizada con pedra. Nesta peza concéntrase a maior parte da intervención: asentos, iluminación, escaleiras de paso, vexetación, etc. 

A humanización complétase coa execución dunha beirarrúa pola estrada Puxeiros-Mos que conectará o vial pavimentado co Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso. Ademais realizarase un proxecto de iluminación con luminarias integradas no pavimento en diálogo co lugar e a intervención, e retiraranse as liñas aéreas (que serán soterradas) e as luminarias sobre postes, que serán substituídas por luminarias sobre báculos. 

Os traballos de xardinería incluirán un estudo da vexetación existente para a súa mellora ou substitución, a xeración de novas sombras nos itinerarios propostos e axardinamento de baixo porte nos espazos ou percorridos que así o requiran. En definitiva, esta obra de humanización integrará o Centro Dotacional, o antigo Centro Cultural e a Igrexa de San Mamede nun espazo máis humanizado e habitable. Trátase dunha das principais promesas do programa electoral do goberno local mosense. 

A actuación abarcará uns 7.000 metros cadrados e suporá un cambio radical na parroquia, facendo máis habitable e humanizado o centro neurálxico da mesma, onde se concentran habitualmente gran número de veciños e foráneos que acuden a diario a esta zona para participar en actividades lúdicas, relixiosas, culturais ou musicais.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad