Redacción 14/06/2020

Cun orzamento de 365.000€ que se distribuirán con criterios obxectivos, destínanse a complementar os programas municipais de alivio das familias ante o peche de alternativas para cativos, persoas maiores e dependentes.

 

Segundo Carmela Silva, presidenta da Deputación, “esta crise sanitaria volveu a demostrar que os coidados están maioritariamente nas mans das mulleres e temos que apoiar medidas que axuden a que o camiño da igualdade non dea pasos atrás”. Por iso o goberno da Deputación de Pontevedra aprobará a próxima semana unha nova Liña de Axudas Extraordinarias para os concellos de menos de 50.000 habitantes, dirixidas a complementar a financiación de programas e medidas municipais que se poñen en marcha para dar alternativas ás familias no coidado dos pequenos, persoas maiores e persoas dependentes, ante o peche de centros educativos, actividades extraescolares, centros de día e de actividades de ocio.

Para Carmela Silva, “as administracións públicas non podemos mirar para outro lado, temos que intentar achegar axudas aos concellos para que poidan cofinanciar, reforzar ou ampliar  proxectos postos en marcha neste eido como ludotecas, programas de ocio para nenas e nenos, para maiores,…”.  Neste eido, as axudas que vai lanzar a Deputación de Pontevedra en materia de corresponsabilidade e conciliación, cun orzamento de 365.000 euros, serán distribuídas en función de dous criterios obxectivos como a poboación e o índice de dependencia, e poderanse solicitar para proxectos que desenvolvan os concellos entre xuño e decembro deste ano. O reparto das achegas oscilará entre os 3.700 euros para os concellos máis pequenos ata os 8.400 para os de maior poboación e permitirán complementar proxectos liderados por concellos no eido da conciliación.

A presidenta sinalou a importancia de favorecer a conciliación e a corresponsabilidade. “Os datos dos primeiros estudos realizados durante a crise sanitaria non arroxan ningunha dúbida: maioritariamente os coidados, que se converteron na prioridade absoluta , seguiron estando nas mans das mulleresque asumen o 75% desta labor”. Carmela Silva tamén amosou a súa preocupación pola volta atrás que poida supoñer a Covid-19 para as mulleres. “Costounos moito saír do privado para ocupar o público e unha pandemia non poder facer que as mulleres sexamos as que teñamos que volver cara atrás”. Neste eido, a presidenta da Deputación anunciou que, nese eido, tamén, se vai impulsar desde a Deputación unha xornada relacionada co teletraballo con perspectiva de xénero.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad