Redacción 13/06/2020

O concello de Tui destina 280 mil euros a autónomos, microempresas e pequenas empresas

 

 

O luns, 15 de xuño, abre o prazo de presentación de solicitudes para as axudas extraordinarias de emerxencia Reactiva Tui. O martes, 9 de xuño, publicáronse no BOPPO as bases destas axudas, tras ser aprobadas en pleno o pasado 28 de maio, e onte venres publicouse o extracto das mesmas, o que da inicio ao prazo de presentación de solicitudes dende o luns e durante un período de 15 días.

As axudas van dirixidas a traballadores autónomos, microempresas e pequenas empresas cuxo domicilio fiscal e local comercial estea no termo municipal de Tui, e que tiveran que permanecer pechados ao público como consecuencia das medidas derivadas da declaración do estado de alarma provocado pola COVID-19.

Os obxectivos de Reactiva Tui son paliar a incidencia que tivo a declaración do estado de alarma; preservar o tecido empresarial, obrigado ao peche dos seus establecementos, ao tratarse de actividades non esenciais; protexer o interese xeral dos veciños de Tui, reactivar a economía, impulsar a actividade económica e promover e mellorar a participación no uso das tecnoloxías da información e as comunicacións.

O Concello de Tui establece catro liñas de axudas. A primeira está destinada aos gastos de aluguer de local comercial realizados dende o inicio do estado de alarma até un máximo de catro meses. A segunda liña vai dirixida á transición cara ao comercio on line ou optimización do existente e abrangue a consultoría e formación para a dixitalización do negocio, o desenvolvemento ou mellora da web ou introdución de pasarelas de compras, márketing e promoción dixital, subscricións a portais de venda on line, publicidade de venda on line, ou subscrición a internet. Mentres na liña 3 subvencionaranse os gastos derivados do cumprimento das especificacións de servizo, limpeza, desinfección, mantemento e xestión do risco derivadas das medidas para a redución do contaxio pola COVID19 coma compra de máscaras, produtos coma xel hidroalcohólico, luvas, limpezas especiais… Por último na liña catro subvenciónanse os investimentos para o acondicionamento dos locais comerciais para lograr espazos máis seguros. Aquí inclúense o acondicionamento ou reforma de seguridade do local ou terraza, incluída a compra de mobiliario, griferías e maquinaria.

O Concello de Tui destina a estas subvencións 280 mil euros. Establécese un límite máximo de subvencións do 100% do gasto subvencionable até un máximo de 1000€ por beneficiario.

As persoas interesadas poderán presentar as solicitudes, no modelo normalizado, e a documentación requirida, durante quince días hábiles contados a partir do luns, 15 de xuño.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad