Ás 12.00 horas retransmitíanse en directo desde o salón do Concello as intervencións do pregoeiro, Ángel Pichel, e da alcaldesa, Nidia Arévalo, que estiveron acompañados polo Xefe da Policía Local de Mos, Gerardo Álvarez Reguero.
Hoxe, sábado 13 de xuño, ‘Día da Rosa’, ás 12.00 horas, retransmitiuse en directo a través da páxina de Facebook do Concello de Mos o Pregón a cargo de Ángel Pichel, Xefe de Urxencias do Hospital A. Cunqueiro, seguido da intervención da alcaldesa, Nidia Arévalo. Pregoeiro e alcaldesa estiveron acompañados no salón de sesións da Casa Consistorial polo Xefe da Policía Local de Mos, Gerardo Álvarez Reguero, que asistiu ao acto en representación de todos os traballadores e traballadores que integran a plantilla de persoal municipal.
Pichel, pregoeiro deste ano, elixido en recoñecemento municipal a todo o sector sanitario durante a crise do COVID-19, destacaba esta mañá no seu Pregón que “é moi gratificante que desde o Concello acordaran que fosemos nós, os sanitarios, os encargados de dar o Pregón da Festa da Rosa. Eu simplemente quero dar voz a todas aquelas persoas que nos dedicamos ó coidado dos demais, e que desenvolvemos este traballo coa nosa maior profesionalidade. Represento ós celadores, enfermeiras, médicos, auxiliares, persoal de limpeza e de restauración, administración e un longo etcétera… que nas últimas semanas loitamos por superar o maior reto da nosa vida laboral, esta alerta sanitaria mundial: a pandemia producida polo COVID-19”.
“Desde o meu posto de responsabilidade”, continuaba Ángel Pichel, “nun servizo que estivo en primeira liña de atención, como foi o servizo de urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro, quero dar as grazas aos máis de 300 compañeiros que traballan neste servizo. Grazas polo seu compromiso, flexibilidade, humanidade e traballo en equipo. Este agradecemiento quero facelo extensivo a tódalas persoas que traballan nos hospitais, centros de saúde, residencias e en coidados a domicilio. Tamén a outros profesionais esenciais, que durante o confinamento estiveron traballando a reo xunto cos sanitarios, quero nomear a forzas de orde público, farmacias, persoal dos supermercados, panadeiros, medios de comunicación, limpeza, transporte…. Como sanitario, debo dar grazas a toda a poboación, en especial ós meus veciños de Mos, que fostes responsables para acatar as normas de confinamento que permitiron diminuír os contaxios, controlando a propagación da infección”.
O pregoeiro concluía as súas palabras salientando “o labor das distintas asociacións do noso Concello que dinamizan a vida social, veciñal, cultural e deportiva; que cada ano teñen un papel fundamental nos actos que se celebran con motivo da festa da Rosa, e como non podía ser doutra forma, este ano colaboran con maior presenza de forma dixital. Son estas asociacións sen ánimo de lucro as que dan valor á vida dos mosenses e que dunha forma desinteresada axudan os demais” e pedindo que “poñamos unha rosa en memoria das persoas que xa non poden estar con nós”.
Pola súa banda a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, dirixía unhas palabras tamén moi emotivas ós e ás mosenses, asegurando que “este ano vai a seu un antes e un despois para a Festa da Rosa porque involucráronse máis persoas que nunca de todas as parroquias, asociacións, colectivos culturais e deportivos, mosenses distinguidos… un total de ata 500 colaboradores participan nas redes sociais municipais”. Definiu así mesmo ao seu pobo, ao pobo de Mos como “un pobo honrado, entregado e traballador” e lembrou na súa intervención ás víctimas do COVID-19 enviándolles “todo o meu afecto ás súas familias, que sofren tan triste perda”.
O da rexedora local mosense foi un discurso cheo de agradecementos entre os que se incluíron as grazas ao operativo de 200 persoas que traballou sen descanso para loitar contra o COVID-19 en Mos “e por iso hoxe teño que dedicarlles un agradecemento moi especial a esta cadea humana: ao funcionariado local, corpos de seguridade, empresas, e voluntarios, que estiveron ao pé do cañón ao carón do Concello”, dixo.
Arévalo declaraba sentir nostalxia nun día como o de hoxe por botar de menos “a Praza do Concello chea dos ramos de rosas dos participantes no concurso, o poder escoitar en directo á Banda de Música Xuvenil de Torroso, a exaltación da Empanada de Pan de Millo a cargo das Mulleres Rurais, Asodifisi e os panadeiros de Mos cos seu postos na Praza, a Misa Cantada por unha coral mosense, o poder vivir a festa rodeada dos meus veciños e da Corporación Municipal”.
A alcaldesa remataba a súa intervención cunha mensaxe moi especial para os seus veciños “hoxe honramos e celebramos a beleza desta flor que nos representa e que todos e cada un dos 15.000 mosenses levamos no corazón e hoxe quixera repartir o meu corazón en 15.000 anacos que se convertiran en 15.000 pétalos de rosas para entregarvos a cada un de vos: veciños”.