Redacción 12/06/2020

O Concello considera ese tramo viario “un perigo para vehículos e persoas”

 

 

A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, reiterou diante da Axencia Galega de Infraestruturas que se acometa o asfaltado de urxencia da vía de servizo existente entre a EP-2505 a glorieta elevada sobre a PO-510 polo seu mal estado,  que non reúne as condicións mínimas para a circulación de vehículos.

Cabe lembrar que o pasado ano o propio Concello quixo realizar obras de reparación do mencionado vial contando co permiso verbal por parte da Xunta de Galicia, pero no momento da execución a administración autonómica paralizou dita obra, anunciando incluso a apertura dun expediente ao Concello de Salceda.

Finalmente a AXI autorizou ao Concello a realizar as obras de mellora, pero establecendo uns condicionantes imposibles de acometer por parte da administración local, pois levar a cabo o proxecto cos mencionados condicionantes supón un investimento que ronda os 50.000 €, que o Concello ademais non podería imputar a ningún tipo de subvención por tratarse dun vial  propiedade da Xunta de Galicia, e polo tanto a Administración Autonómica é a responsable de mantelo nas condicións óptimas de utilización.

Dende o Concello xa se lle deu traslado á Xunta do mal estado do vial no mes de xaneiro, e o pasado 3 de marzo reincidiuse na petición, indicando na mesma  que “case dous meses despois, non se tomaron as medidas pertinentes por parte da AXI (Axencia Galega de Infraestruturas), e o mencionado vial presenta un estado que o fai practicamente intransitable”. O equipo de goberno, entendendo que o momento que vimos de vivir dificultou a execución da obra, respetou as semanas de confinamento, e onte xoves volveu enviar unha nova solicitude á Xunta de Galicia (a terceira) para que acometese canto antes a reparación, que neste momento resulta aínda máis importante para poder aliviar de tráfico a recén humanizada rúa Gándara, que gana así máis espazo para as persoas, fundamental nestes momentos en que resulta vital manter a distancia física entre persoas.

Según un informe do arquitecto municipal, o vial deteriorouse debido o aumento do tráfico rodado, polas obras realizadas en agosto  pasado polo Concello, e as condicións  climatolóxicas adversas dos últimos meses. Este informe considera que a situación do vial é  un perigo tanto para os peóns como para os vehículos.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “A Xunta de Galicia, saltándose o principio de colaboración entre administracións, impediu o arranxo do vial por parte do Concello, e agora manteno nunhas condicións deplorables que impiden o seu uso por parte de vehículos e camiñantes. Unha vez pasado o confinamento, a Xunta ten que dar resposta á nosa solicitude canto antes”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad