Anxo Queiruga, reelixido presidente de COCEMFE por catro anos máis
O presidente de COGAMI, Anxo Antón Queiruga Vila, vén de ser reelixido como máximo representante da discapacidade en España, tras obter o apoio unánime dos máis de 100 delegados e representantes das 91 entidades membro de COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica), que votaron durante a asemblea extraordinaria celebrada en formato on line esta mañá.
Tralo nomeamento, Anxo Queiruga afirmou que “nos vindeiros catro anos incidiremos en todas as cuestións que reclamamos como movemento asociativo e aínda non conseguimos, en paliar os efectos negativos que a pandemia COVID-19 está ocasionando sobre as persoas con discapacidade física e orgánica e en que non se produza ningún retroceso no exercicio dos seus dereitos”.
Tras agradecer a confianza depositada polas persoas representantes do movemento asociativo que aposta porque sexa a súa cabeza visible outros catro anos máis, Anxo Queiruga insistiu que non permitirá que “a discapacidade física e orgánica dea un paso atrás”.
A partir de hoxe, Anxo Queiruga ten unha folla de ruta marcada que xa anunciou que consistirá en mellorar a autonomía das persoas con discapacidade física e orgánica en todo o ciclo vital; impulsar a empregabilidade; conseguir a non discriminación das mulleres con discapacidade física e orgánica; garantir a igualdade de oportunidades na infancia a través dunha educación inclusiva e acadar unha mellor coordinación entre o ámbito social e sanitario.
Traxectoria de Anxo Queiruga
Anxo Queiruga, natural de Porto do Son e afincado en Compostela dende hai 28 anos, inicia a súa primeira toma de contacto co movemento asociativo da discapacidade durante os anos 80 a través da asociación Ámbar da comarca da Barbanza. A partir de aquí, inicia a traballar en COGAMI en 1997, primeiro na área de Administración e logo como coordinador da área de Formación e Emprego, postos que combina co cargo de Vicepresidente, ata que en 2007, é nomeado presidente de COGAMI e do Consello de Administración de Galega de Economía Social- GES, empresas de economía social que forman parte de COGAMI. En 2016 preséntase para presidir COCEMFE, gañándoas e compaxinando esta presidencia coa de COGAMI.
Que é COCEMFE?
COCEMFE é Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica, unha organización non gobernamental, sen ánimo de lucro constituída en 1980 co fin de aglutinar, fortalecer, formar e coordinar esforzos e actividades das entidades que traballan a favor das persoas con discapacidade física e orgánica, a través da defensa dos seus dereitos e a mellora da calidade de vida.
Máis de 1.600 asociacións son as que conforman COCEMFE, divididas en Confederacións Autonómicas, Entidades Estatais e Federacións Provinciais que, á súa vez, aglutinan entidades locais. Para estas entidades, e ás persoas que representan, COCEMFE destina programas de integración laboral, educación, accesibilidade, atención sociosanitaria, lecer e atención tanto á infancia como ás mulleres e xuventude.