O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Pontevedra segue a evolución do sector durante a pandemia da Covid-19
Manuel Muñoz Pesqueira é a terceira xeración de hostaleiros ao mando de Casa Pilán, negocio marinense con máis de cen anos de historia. O restaurante, que abriu en 1909, nunca pechara as súas portas ata a chegada da Covid-19. “Xa pasamos outra pandemia, a do 1918; de feito, meu avó morreu no 1919 pola gripe española pero non pechamos, tampouco pechamos na Guerra Civil”, Muñoz debulla o fío da historia con certa nostalxia. “Eu levo trinta e un anos no negocio e só paramos agora porque era obrigatorio”, a pandemia puxo fin a cento once anos de servizo ininterrompido. Outros negocios da área da ría de Pontevedra tamén tiveron que tachar datas simbólicas dos seus calendarios; o Hotel Restaurante Loureiro, unha empresa familiar rexentada por catro irmáns, ía celebrar este 6 de xullo o seu cincuenta aniversario. O seu responsable, Manuel Martínez, recoñece que “quédame a espiniña de non poder facer unha festa”. Na mesma tesitura están no Muíño da Chanca, restaurante que non terá ocasión de celebrar as súas vodas de prata en Meaño.
A Covid-19 fixo cambalearse os cimentos duns negocios consolidados e de recoñecida traxectoria que forman parte da evolución económica e social dos territorios nos que se asentan. Con eles falou o GALP Ría de Pontevedra, para coñecer o estado da hostalaría na súa área de influencia durante a Fase 2, iniciada o pasado 25 de maio.
Reabrir con máscaras
Segundo o ‘Estudio de Sentimento do Consumidor en Restauración’ levado a cabo polo The NPD Group, un 59% das persoas consumidoras españolas aseguran que volveran aos bares, restaurantes e cafeterías no primeiro mes de reapertura. Non obstante, un 57% das persoas entrevistadas consideran que os locais de restauración serán lugares de risco para contaxiarse e un 63% só seleccionaran aqueles restaurantes, bares e cafeterías que coñecen e nos que confían. Por iso, a correcta implementación das normas hixiénico-sanitarias e de distanciamento social resultan vitais para o futuro dos negocios hostaleiros e daqueles sectores que xiran ao seu redor: produtores primarios, provedores, distribuidores, comerciais, etc.
Casa Pilán volveu ao traballo o primeiro día da Fase 2. Este negocio centenario traballa “coa xente do porto” e, segundo o seu dono, antes do confinamento estaban dando case cen comidas ao día; agora, non chegan ás vinte. En Bueu, o Restaurante Hotel Loureiro abriu as súas portas o sábado, 30 de maio. “Tanto o sábado como o domingo abrimos con bastante receo pola nosa parte pois todo isto é un tema novo. Foi como abrir de novo”, asegura Manuel Martínez, responsable do negocio. Esa fin de semana recibiron “bastante xente” aínda que “ata que non se libere un pouco a mobilidade interprovincial non imos ter a afluencia de xente que esperamos”. No concello de Meaño, a Quinta de San Amaro volveu á actividade a finais de maio, e, tal e como o ve o seu responsable e cociñeiro, Julio Ouviña “non nos podemos queixar” porque “traballouse moi ben as fins de semana, algo menos entre semana pero a xente está encantada e as impresións son boas”. A menos de catro quilómetros, o Muíño da Chanca esperou ao 2 de xuño. O local estivo pechado ao público durante toda o confinamento. Porén, as fins de semana a clientela podía acudir a recoller os pedidos que facían por teléfono; unha maneira de seguir traballando e en contacto cos clientes. Antonio Domínguez, que rexenta o local xunto ao seu irmán, explica que a reapertura foi boa e que en todo momento “intentamos buscar a maneira de facelo práctico tanto para os clientes como para nós”, algo difícil nun local cunhas “características complicadas: antigo, de pedra, con dous comedores, escaleiras… houbo que facer varias adaptacións” pero de momento “ímolo levando”.
Domínguez sincérase con respecto ás normas surxidas a raíz da pandemia: “ O da máscara é o que peor levo pero non queda outra”. As novas directrices hixiénico-sanitarias e de distanciamento social supoñen un enorme esforzo para tódolos implicados na cadea de traballo dun negocio hostaleiro. Os profesionais do sector recoñecen as dificultades loxísticas, económicas e persoais que implica a adopción dunhas medidas que impactan directamente no fondo e forma do traballo diario. No Hotel Restaurante Loureiro “o servizo que antes facías nunha hora agora lévache máis tempo pola complexidade”, explica Martínez. Mentres, en Casa Pilán, esforzáronse ao máximo en minimizar o contacto co servizo: “Xestionamos para que a xente estea sempre a dous metros, temos os cubertos embolsados en bolsas de papel, con panos de mesa e todo; o pan tamén envasado vai noutra bolsa de papel …”, describe Muñoz. No seu local reabrir foi “como volver a empezar”, a pandemia “fíxonos replantearnos moitas cousas a nivel de organización”. Unha reorganización tanto de traballo como de espazos que para algúns negocios foi máis sinxela que para outros, Ouviña da Quinta de San Amaro considera que “nas cociñas as normas non supoñen un gran cambio porque sempre traballamos con medidas hixiénicas e con coidado”, cambian algunhas cousas como “o empratar con máscara” pero non supón un cambio radical. No seu caso, o máis rechamante para os clientes foi a disposición das mesas: “agora os salóns están máis baleiros e temos moito espazo entre mesas” polo que “podemos gardar as distancias sen problema e facer que a xente se sinta cómoda e segura”.
Para estes profesionais do sector unha das sorpresas ao adoptar as novas medidas obrigatorias foi a resposta positiva da xente. “A min sorprendeume gratamente. Cando foi de fumar tiñamos medo de dicirlle a xente que non se podía fumar pero non pasou nada, agora a xente entra e usa o xel, lava as mans, fai quendas de espera. A xente é moi prudente”, explica Muñoz. Esta visión tamén a comparten o Muíño da Chanca e o Hotel Restaurante Loureiro. Neste último, para axilizar o servizo, reparten aos comensais entre os seus tres comedores. En xeral, a xente adáptase ben á nova realidade. Con todo, sempre hai quen resalta entre a multitude e “hai clientes que non levan un control da distancia, do uso do xel; pode por rutina ou non sei, pero non fan caso”, recoñece Antonio desde o seu local de Meaño. Incluso hai a quen lle custa abandonar vellos hábitos como o de pedir a carta, na Quinta de San Amaro “procuramos que os clientes pidan polo QR”, explica o cociñeiro, pero “aos maiores cústalles adaptarse mentres que os máis mozos están habituados a usar estas tecnoloxías”.
Na empresa familiar de Manuel Martínez a pandemia non só afectou ao restaurante tamén supuxo a cancelación de multitude de eventos (vodas, bautizos, comuñóns) e das reservas de habitacións no hotel. Sobre os eventos non saben cando poderán volver a realizarse en condicións que garantan a seguridade e o cumprimento dunha normativa que aínda non está clara. No tocante ás reservas de hotel, empezan a ver certo movemento. “Esta fin de semana tivemos dúas habitacións” pero o que máis lle sorprende a este hostaleiro é que “xa temos reservas para xullo e agosto, xente que vén aquí ano tras ano”. A xente parece ter ganas de recuperar a normalidade. A mesma experiencia viviron Ouviña e o seu negocio: “Canceláronse moitos eventos, comuñóns especialmente, pero tamén houbo moito cambios de datas”. Do mesmo xeito, agora están a recibir reservas para eventos de corte máis íntimo e familiar, así como un bo número de reservas de hotel para os meses de xullo e agosto.
Unha crise que nada ten que ver coa de 2008
Se falamos de futuro parece que as forzas fraquean. Esta crise, a da Covid-19, non se parece a nada do que viviron antes, non hai unha folla de ruta, só dúbidas. Por iso, os hostaleiros agradecen a axuda que están a recibir desde os seus concellos, unha axuda que para algúns pode supor a diferenza entre seguir adiante ou pechar definitivamente. “Estamos recibindo moita axuda do Concello de Marín”, asegura o interlocutor de Casa Pilán, “trouxéronos un código QR para as mesas de fóra, non cobran a terraza e deixan que a ampliemos, incluso enviaron ao enxeñeiro municipal para explicarnos como colocar as mesas, enviaron máscaras, xel…”. Resumindo “está funcionando que é unha pasada”, declara Muñoz sobre as medidas incluídas no Plan de Reactivación Local da vila e a iniciativa Marín en Rede. En Meaño “o concello informa aos negocios a través dun grupo de Whastapp e tamén vía email”, conta Domínguez e asegura que aínda sendo “un concello pequeno, fixérono o mellor posible”.
Malia os esforzos tanto desde a administración pública como dos propios hostaleiros, é posible que desaparezan negocios varridos pola pandemia e, por extensión, se destrúan moitos postos de traballo. Manuel Muñoz móstrase seguro do que está por vir para gran parte do sector: “Aquí moitos dos que traballamos somos familias. A maioría dos locais son nosos. Así que imos aguantar porque é do que vivimos pero aquel que ten un gran alugueiro, a xente que leva pouco e que ten hipotecas pode que acabe pechando”. Pola súa banda, Martínez tamén fala con certo derrotismo dos vindeiros meses “Nós as crises sempre as afrontamos ben pero esta vez, non sei, non lle miro moita saída.”. Achaca o seu pesimismo á incerteza porque “non sabes se haberá un rebrote despois” e recoñece que teñen medo “a que isto volva en setembro ou outubro”. Tras pasar por un ERTE, agora están a traballar nove dos once empregados, pero que facer cando o ocio é o primeiro do que prescinde a xente cando a economía retraese. Antonio Domínguez considera que a apertura da hostalería tira doutros sectores e que o tecido económico local verase favorecido pola reapertura. Con todo, espera que a mobilidade interprovincial reactive o comercio na súa localidade e no seu negocio, xa que unha porcentaxe bastante grande da súa clientela son visitantes con segunda residencia. O turismo nacional tamén suporá un alivio para a Quinta de San Amaro que espera poder salvar parte da campaña de verán “se non hai un rebrote” porque agora mesmo “as nosas previsións son boas con reservas no hotel para xullo e agosto, case completo; e tamén para o restaurante”, detalla Ouviña.
A crise da Covid-19 en nada se parece a de fai doce anos. Ao recordar a crise do 2008 Domínguez e Muñoz coinciden en que foi unha crise forte pero lenta, que afectou especialmente a un sector – o da construción – e que, pouco a pouco, foise deixando sentir noutros. Certo que houbo negocios que pecharon e outros que viron reducidos os seus ingresos pero “se gañabas dous mil euros pasabas a gañar mil, non pechabas o negocio”, recorda Muñoz. O que está a pasar agora é algo totalmente diferente. “É un desastre”, afirma o dono do Muíño da Chanca, “esta vez foi todo moi rápido e en tódolos sectores á vez”. A recuperación antóllase longa e difícil, pero Muñoz non se dá por vencido: “Téñome que xubilar aquí, teño que aguantar como sexa. Eu non pecho. E espero non ter que botar a ninguén”, manifesta decidido este hostaleiro de 58 anos con máis de tres décadas de duro traballo ás súas costas.