Redacción 08/06/2020

Segundo a organización nacionalista, moitos dos lugares nos que se vai votar o 12 de xullo non cumpren cos requirimentos mínimos para aplicar os protocolos de seguridade. Gustavo Barcia defende que as directivas das asociacións veciñais deben ser liberadas da responsabilidade de preparar os locais para as eleccións.

A convocatoria de eleccións autonómicas en pleno estado de alarma xa foi cualificada de irresponsabilidade dende o BNG, que considera que Núñez Feixóo optou por antepoñer os seus intereses electorais á defensa da saúde. Na mesma, defenden que é preciso garantir o cumprimento de todas as medidas de hixiene e seguridade durante a celebración dos comicios. No caso concreto do concello de Mos, unha parte importante dos espazos habilitados como colexios electorais para o 12 de xullo pertencen a entidades culturais ou veciñais e non están adaptados para cumprir os protocolos de seguridade que se van esixir durante a chamada “nova normalidade”.

O portavoz nacionalista no concello de Mos, Gustavo Barcia, sinala que a maior parte dos locais “non contan con espazo suficiente para asegurar o distanciamento social, non teñen unha entrada e unha saída diferentes nin están ben ventilados”, entre outras cousas. Por este motivo, o BNG de Mos solicitou por escrito ao goberno municipal que os pavillóns deportivos sexan habilitados como colexios electorais, xa que nestas instalacións si que sería posible garantir o cumprimento dos protocolos sanitarios nunha xornada na que se prevé unha importante mobilización do electorado.

Do mesmo modo, o BNG defende que as directivas das asociacións culturais e veciñais do concello de Mos non deben asumir, en ningún caso, a responsabilidade de preparar os centros de votación. Barcia entende que, en caso de que estes locais se manteñan como colexios electorais, a Xunta e o Concello de Mos deberán encargarse de xestionar a limpeza e a adecuación destes espazos conforme aos protocolos fixados polas autoridades sanitarias.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad