
Trátase dun proxecto con cargo ao Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra
O Concello do Porriño sacou a licitación pública a humanización da rúa Aloques, cun orzamento de 422.636 €, con cargo ao Plan Concellos 2020. É un proxecto do goberno municipal, a proposta do concelleiro de Infraestructuras, Pedro Pereira, que plantexa o tratamento deste espazo urbano cunha mellora que abrangue a renovación e ampliación dos servizos existentes.
As actuacións comprenden a demolición do firme actual e a súa substitución por un enlousado en pedra e ademais, acometerase a recollida de pluviais, saneamento, abastecemento de auga, telecomunicacións e electricidade.
Deste xeito, a rúa Aloques establecerase como tránsito peonil, sen tráfico de vehículos agás residentes, segundo o proxecto que foi presentado previamente polo concelleiro de infraestruturas aos residentes, na reunión que celebraron o pasado 5 de decembro no Concello.
Na páxina web do Concello (oporrino.org), no Portal de Transparencia, na pestaña Perfil do Contratante, pódense consultar as condicións do prego. A licitación, aberta, dende o martes 2, establece que unha vez adxudicado o contrato, as obras comezarán en setembro e terán un prazo de execución de 4 meses.