O sábado 11 de xullo o club Andatui celebrará a XVII Andaina tudense Solidaria 2020
Este ano a saída será desde a praza de san Fernando, diante da Catedral de Tui, ás 10 da mañá. Collerán o Camiño Portugués ata a Virxe do Camiño onde, por diversos sendeiros, encararase a subida ao monte Aloia. Pasarán polo rego de pedra e enlazarase co antigo camiño dos romeiros que subían ao monte no día da Virxe das Angustias, finalmente recorrerán parte da muralla ciclópea que os levará ata a capela de san Xiao, onde xantarán. Pola tarde iniciarán o descenso recorrendo outro tramo da muralla ciclópea para baixar ao sendeiro do regato Cotarel, atravesando polo xardín botánico e pasando pola espectacular faia, unha das árbores máis senlleiras do monte Aloia e posiblemente a maís fermosa de Galicia. Xa no tramo final, camiñarase ao carón do río Tripes antes de chegar ao paseo da Corredoira, lugar escollido este ano para rematar a XVII Andainatudense Solidaria.
Un ano máis a acción solidaria irá destinada a SOS Tomiño Baixo Miño, polo que no momento da recollida de dorsais aconsellan aos participantes que entreguen un quilo, ou máis, de alimentos non perecedoiros.
Xa están abertas as inscricións na páxina www.andatui.es. O prezo é de 10 euros e as inscricións que finalizarán o mércores 8 de xullo.