O lema gañador locerá na rotonda das Angustias do 22 ao 30 de xuño, e poderá participar calquera persoa de calquera idade.
Mañá mércores 3 de xuño ábrese ata o 17 de xuño o prazo de presentación de frases conmemorativas do Día do Orgullo LGBT. Para o envío das propostas, as participantes deberán remitir un correo electrónico ao enderezo omix@concellomos.es coa frase conmemorativa que presenten a concurso (unha por persoa), nome, idade, dirección e teléfono de contacto. Dende o Concello detallan que as frases que se presenten a concurso deberán constar dun máximo de 30 caracteres con espazos, contabilizándose como 1 caracter cada espazo. Ningunha frase poderá superar esta lonxitude.
Tal como informou este xornal, o Concello de Mos ten preparada xa a programación conmemorativa do Día Internacional do Orgullo LGBT que se celebra o 28 de xuño. O programa baséase, dadas as novas circunstancias, en actividades e iniciativas a través das redes sociais municipais. Realizaranse publicacións periódicas, entre elas vídeos, durante a segunda quincena do vindeiro mes de xuño. Ademais, colocarase tamén durante todo o mes de xuño no balcón do Concello a bandeira LGBT, como acontece todos os anos. Entre as actividades previstas haberá tamén unha breve charla a cargo de presidentes ou membros da directiva de entidades relacionadas co colectivo LGBT, ou incluso deportistas e outras persoaxes. O propio Día Internacional do Orgullo LGBT, 28 de xuño, publicarase un vídeo conmemorativo, entre outros actos programados para as redes sociais municipais.