
A Campaña da Deputación “Fame de experiencias” acada o seu quinto premio internacional no Festival de Turismo de Riga.
O audiovisual consigue no certame de Letonia o primeiro premio ao mellor produto turístico impoñéndose a outros 38 destinos mundiais.
Carmela Silva: “Estamos moi felices porque este novo recoñecemento internacional sitúanos como un destino de referencia”.
A campaña turística da Deputación de Pontevedra “Fame de experiencias” xa ten o seu quinto recoñecemento internacional grazas ao premio que acaba de recibir no Festival de Turismo de Riga, Letonia, na categoría de mellor Produto Turístico. O audiovisual, producido pola empresa Esmerarte, recibiu o primeiro premio fronte a outros 38 vídeos de todo o mundo. O segundo posto foi para Canadá (“o5 Tea”) e o terceiro, compartido, para Croacia (Croatia – Your Next Filming Destination) e Tesalónica, en Grecia (Archaeological Museum of Thessaloniki). O Festival de Riga cumpriu este ano 13 edicións e nesta ocasión optaron a premio 154 produccións de todo o mundo.
Tras coñecer a noticia, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, puxo en valor “os grandes destinos con que competíamos” e valorou “este novo recoñecemento internacional que sitúanos como un destino de referencia grazas a un turismo ligado ao territorio, ao produto e, como amosamos neste caso, a grandes produtores e produtoras que amais o fan todo dun xeito tradicional e ecolóxico, en definitiva un modelo que xa era o motor do turismo e que agora aínda o será máis”.
Este premio súmase aos catro que xa acadara anteriormente a Deputación de Pontevedra, pois o audiovisual xa tiña conseguido recoñecementos internacionais na Feria de Fitur, nos Golden City Gate de Berlín, nos New York Festivals Film and TV Awards e nos 16° International Tour Film Fest de Bulgaria.
Este novo galardón serve para recoñecer o traballo da Deputación de Pontevedra na súa aposta por un modelo diferente, vangardista e sostible de promoción da nosa provincia, amosando todo o talento existente e poñendo en valor ao territorio.