Redacción 28/05/2020

Acordouse no Pleno telemático celebrado onte como empuxe para reiniciar as súas respectivas actividades, afectadas polo peche no confinamento desta pandemia

 

 

A primeira sesión plenaria telemática celebrada pola Corporación Municipal do Porriño, acordou unha modificación orzamentaria que habilitará dispoñer de 100.00 € que se destinarán a apoiar o reinicio da economía local. A proposta do equipo de goberno contou cos votos favorables dos concelleiros do PSOE, BNG, EU SON e UDDL; o PP optou pola abstención.

Esta achega de 100.000 € “son para axudas ao comercio de proximidade, aos autónomos e para a hostalaría porriñesa para que teñan un pulo que lles permita reiniciar as súas actividades”, manifestaba a alcaldesa.

A rexidora non descartou que poidan acordarse novas modificacións orzamentarias en función das necesidades, pois “Imos ter que atender moitos frontes”, engadiu.

Eva García lembrou que dende o principio do estado de alarma, o Concello está a destinar unha partida económica moi importante para emerxencia social en axudas alimentarias para as familias máis necesitadas. En datos ata o 30 de abril, 336 familias que agrupan a 847 porriñeses (536 adultos e 311 menores) recibiron axuda directa do Concello dende o 14 de marzo para a adquisición de produtos alimentarios frescos e de primeira necesidade. E que actualmente 758 persoas reciben semanalmente lotes de produtos non perecedoiros, aportados polo Banco de Alimentos “SOS Porriño”.

A sesión plenaria “on line”, a primeira que se celebra na historia do Concello do Porriño, durou preto de 4 h e abordou unha orde do día con 18 asuntos. Entre os acordos máis salientables, resumimos os seguintes:

– Adxudicouse definitivamente o servizo de limpeza viaria á firma “Urbaser”.  O control de calidade do servizo será supervisado por un técnico municipal, segundo comprometeu o goberno

– Acordouse por maioría, a aprobación inicial da nova Ordenanza de instalación de terrazas e veladores nos espazos públicos. Haberá un límite máximo de ocupación de 40 m2 e non se permitirá a instalación de mesas e cadeiras nos soportais, para garantir o uso peonil das vías públicas, segundo avanzou o tenente de alcalde Pedro Pereira. Á vista das actuais dificultades para o sector, a entrada en vigor da nova ordenanza adiarase ata outono, en función da evolución das crises sanitaria e económica. 

– Aprobouse por unanimidade a Ordenanza do uso do galego no Concello do Porriño

– Quedou sobre a mesa a proposta de novo convenio coa S.A. de Xestión do Xacobeo para a xestión do Albergue de Peregrinos do Porriño.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad