A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos rematou hoxe ás 06.00 horas da mañá o seu Operativo Especial do COVID-19, integrado por 20 do total de 37 voluntarios. Permanecerá un Operativo de Reforzo formado por 7 membros.
Ao diminuír as asistencias considerablemente durante o avance das fases da desescalada e ter que incorporarse os voluntarios aos seus respectivos postos de traballo nas súas empresas, pasouse do sistema de Operativo Especial a Operativo de Reforzo, aínda que se hai días puntuais nos que se precise reforzo de maior número de voluntarios/as para tarefas concretas estarán dispoñibles.
O Concello aproveitou hoxe para “agradecerlles aos 20 integrantes do Operativo Especial de Protección Civil de Mos do COVID-19 o seu esforzo sobrehumán e a súa entrega total e absoluta durante máis de dous meses de traballo continuo e incesante”. E é que o Operativo Especial ven desenvolvendo desde o pasado 18 de marzo un servizo ininterrompido 24 horas que permitiu dar resposta en tempo e forma axeitada durante as diferentes fases da pandemia.
Desde a citada data do mes de marzo, na que se constituiu o Operativo Especial, Protección Civil de Mos, conxuntamente co Servizo Municipal de Emerxencias de Mos e o seu coordinador Rodrigo Iglesias, realizaron máis de 900 traballos de atención no municipio de Mos. Tan vertixinoso foi o ritmo de traballo que os vehículos que integran o parque móbil do Servizo de Emerxencias do Concello de Mos rodaron máis dun 200% do habitual.
Entre os labores que integraron as 957 actuacións destacaron especialmente a desinfección de espazos e ionización de vehículos, a entrega e recollida de material de protección, entrega de alimentos a familias vulnerables, recollida de comida en empresas para os repartos de Mos Axuda, traballos en domicilios, traballo de esterilización e bolsas de mascarillas, traslado de enfermos e asistencia domiciliaria, traslado de enfermos (tanto de COVID como outras patoloxías) ao hospital e consultas médicas, recollida de lixo en vivendas con pacientes de COVID-19, recollida de animais, recollida de equipamento en administracións e empresas, avisos de megafonía, información telefónica; ademais de intervencións varias e outros traballos. A maiores, entre establecementos comerciais de primeira necesidade, empresas e particulares, repartiron tamén un total de 4.850 mascarillas.