A campaña “ELIXE COMERCIO LOCAL” chega a cada comarca da provincia para promocionar os seus establecementos co fin de impulsar a súa economía
Ata o 31 de maio a Deputación divulga as características distintivas do comercio local: identidade, territorio, confianza, sustentabilidade e calidade.
A aposta polo comercio local cobra neste mes de maio un papel protagonista no marco da acción política da Deputación de Pontevedra. Deste xeito, enmarcada na campaña de apoio ao comercio máis próximo, “Elixe comercio local” chega esta semana ás comarcas da provincia de Pontevedra, de forma diferenciada, e incidindo nas características de cada territorio mediante creatividades específicas que amosan imaxes representativas de cada unha delas.
Identidade, proximidade, confianza, coñecemento, sustentabilidade e calidade son os eixos nos que se sustenta esta campaña da Deputación que anima á cidadanía non só a apostar polo consumo dos nosos produtos, senón tamén a mercalos directamente nos comercios de cada vila e de cada pobo, amosando a estreita relación entre comercio local e territorio. “Elixe comercio local”, que pode verse nas canles institucionais da Deputación e nos medios de comunicación ata o 31 de maio, trátase dunha iniciativa centrada, como anunciou a presidenta provincial Carmela Silva, “nas singularidades e características únicas que diferencian ao comercio local das grandes superficies ou comercio online”.
A campaña céntrase nas características deste tipo de comercio como son o trato amable, a atención personalizada, a cercanía, a capacidade de xerar emprego. Así, a Deputación de Pontevedra anima á poboación e ás viaxeiras e viaxeiros a comprar nos preto de 11.000 pequenos e medianos establecementos de As Rías Baixas (o 36 % dos existentes en Galicia). Deste xeito, ademais de adquirir bos produtos, axudarán a revitalizar a economía do territorio. “O comercio local ofrécenos todo o que necesitamos na nosa vida diaria”, expón a presidenta da institución, Carmela Silva, para resaltar que o sector constitúe, ademais, “un elemento de proxección turística con alto potencial para captar visitantes”. Amais, o comercio local mantén un vínculo profundamente arraigado coa veciñanza da provincia. As vendedoras e vendedores prestan unha atención de calidade, mentres que favorece unha economía sostible e contribúe a reforzar o sentimento colectivo. Así mesmo, contribúe a proxectar o territorio de fronte ao turismo de compras e a aquelas viaxeiras e viaxeiros que buscan unha experiencia auténtica, amable, de trato próximo, que capte a idiosincrasia do destino turístico.
A Deputación de Pontevedra tamén fai con esta campaña un chamamento á responsabilidade da poboación para que apoie ao comercio local nun momento tan complexo. A institución apela á pertenza á comunidade e ao compromiso de axudar entre todas e todos a saír desta situación.