O goberno local continúa dando pasos na súa folla de ruta: aproba un proxecto de case 60.000 euros para corrixir deficiencias nunha vía de Tameiga.
A Xunta de Goberno Local de Mos aprobou onte a solicitude de subvención con cargo ao Plan Concellos para a realización da obra de mellora da seguridade viaria no Camiño do Pazo en Tameiga, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria.
A mellora da seguridade viaria a través de reposición do firme faise necesaria neste vial, posto que presenta pavimento de asfalto e nestes últimos 20 anos realizouse a rede municipal de sumidoiros coas respectivas acometidas domiciliarias, posuíndo ademais traídas veciñais de augas con canalizacións de máis de 20 anos de antigüidade que sofren roturas ocasionais, requerindo a realización de reparacións e reposicións de asfalto puntuais. Por elo o pavimento presenta un estado deteriorado, concretamente a capa de rodadura, que presenta roturas no firme por desgaste e polas reposicións realizadas coa rede municipal de sumidoiros e traídas veciñais.
As obras de mellora da seguridade viaria consistirán na actuación exclusivamente na superficie na zona de dominio público do tramo de vía municipal. A actuación no Camiño do Pazo, parroquia de Tameiga, farase nunha lonxitude de 667 metros cun largo variable, que oscila en torno aos 5 metros. Esta obra conta cun orzamento de execución por contrata de 57.270,68 euros, e o prazo de execución é de 3 semanas.