Redacción 19/05/2020

O decreto do estado de alarma do pasado 13 de marzo freou parte do sector pesqueiro e marisqueiro da ría de Pontevedra, afectando aos prezos, volumes de capturas e expectativas de futuro. Co obxectivo de coñecer cal foi a evolución do sector durante este tempo, o GALP Ría de Pontevedra reinuiuse con varios representantes do sector das áreas de Marín, Lourizán, Bueu e Portonovo. Reproducimos a continuación os elementos máis relevantes da conversa.

 

En relación aos prezos e ao volume de capturas, a presidenta da Cooperativa Mar San Miguel de Marín explica que, nesta zona, os importes de venda foron fluctuando, se ben as tensións baixistas foron máis severas que as subas por causa tamén da tempada. As maiores caídas notáronse naquelas especies que normalmente son absorbidas pola restauración, sendo que esta paralizou a súa atividade durante a pandemia, e sufriron unha baixada na captura, como poden ser o peixe fino, o polbo grande e o marisco.

Na lonxa de Bueu, as capturas tamén experimentaron un importante descenso, dado o paro da navalla, o percebe ou a ameixa pola falta da demanda. “No primeiro cuadrimestre deste ano falamos dunhas perdas de 250.000 euros”, indica o secretario da cofradía bueuense.

Pola súa banda, as lonxas de Portonovo e Marín seguen a traballar coas mesmas especies que adoitaban facelo por esta época do ano, sen rexistrar un gran descenso do volume de capturas. “Estamos ao 80%, xa que algúns barcos non están indo ao mar, como é habitual nesta época do ano”, comenta o patrón maior de Portonovo, Juan José Besada. Sobre a evolución dos prezos, observa que, pasado o primeiro mes, estes repuntaron e agora xa “tenden a estabilizarse”. No caso de Marín, en palabras da presidenta da cooperativa San Miguel, “nunca se pechou a venda, os barcos seguen entrando igual. Incluso algúns veñen derivados de Vigo, que está un pouco máis capado”.

En relación ás medidas de hixiene, todas as lonxas están a aplicar novas normas para loitar contra a Covid 19, converténdose o uso de máscaras e guantes, a desinfección constante e o distanciamento social nunha rutina máis, alén de ser restrinxida a entrada de persoas.

No tocante ao consumo de peixe, segundo a análise do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación correspondente á semana 18 de 2020 (do 27 de abril ao 3 de maio), o consumo de peixe situouse por riba da media, tanto no peixe fresco, que aumentou un 33%, como no conxelado, que medrou un 40,9%. Unha suba da demanda que vai acompañada pola progresiva reincorporación dos compradores ás poxas.

Con todo, a caída dos prezos do peixe en orixe seguen sen plasmarse no que pagan os consumidores por eles. “Chegan ao consumidor final como se fosen a un prezo normal e a realidade non é esa”, lembra a presidenta da cooperativa San Miguel de Marín.

Pouco a pouco as prazas de abastos comezan a recuperar o movemento anterior ao inicio da pandemia e, nalgúns casos, a superalo, tal e como apunta o patrón maior de Portonovo. “A xente estase acostumando a mercar máis peixe de proximidade. Por sorte, agora hai máis persoas na praza que fai seis meses e isto anima moito aos peixeiros. A ver se isto continúa e non nos quedamos nos supermercados e nos conxelados”.

En canto á restauración, a entrada na fase 1 non provocou un aumento da demanda por esa vía. “É unha compra normal, contida, non moi esaxerada. O normal para esta época. Agora comezarían os restaurantes a mercar peixe máis fino pero, polo momento, aínda non é así”, explica Beatriz Vázquez desde Marín. Unha visión compartida por Barreiro, desde Bueu: “Eu creo que ata que se entre nunha fase na que poidas compatibilizar terraza con interior, aínda que sexa ao 50%, non alcanzaremos un alivio. Ademais, os mercados importantes como son os de Madrid ou Barcelona seguen pechados”.

E é que a apertura da canle Horeca ten un papel moi importante na recuperación do sector, particularmente do marisqueo. “A hostalaría é o principal cliente”, afirma rotunda a patroa maior de Lourizán mentres mostra a súa preocupación polo impacto que poida ter o tardío despegue do turismo na actividade.

As miradas dos entrevistados póusanse no futuro de xeito diferente. Se ben é certo que durante este tempo en Marín e Portonovo continuaron saíndo ao mar, en Campelo e Bueu o freo do marisqueo provocou un maior impacto na súa actividade.

“Cómpre empezar a traballar aos poucos para saber onde fallamos e como responde o mercado; darlle algo do que temos e non deixar que se nos escape. Hai que pensar no sector e non esperar a empezar todos ao mesmo tempo”. Para a patroa maior de Lourizán, Mª del Carmen Vázquez, é necesario volver ao marisqueo nun contexto de “cambio bestial” e de moita inestabilidade para as confrarías. “Este ano vai ser peor ca crise de 2014”, di ao lembrar a marea vermella que sufriu a ría de Pontevedra aquel ano.

Unha aposta polo funcionamento do sector desde o colectivo e a proactividade coa que coincide o secretario da lonxa de Bueu. “O paro de especies como o percebe ou a navalla levaranos a ter que cambiar os sistemas tradicionais en moitos aspectos. Por exemplo, para poder vender a navalla, ao ser un marisco que aguanta pouco, haberá que ir ao mar xa co pedido feito. O camiño irá por aí e ademais evitarase que haxa moitos compradores nunha poxa”, expón.

Durante esta pandemia, o sector pesqueiro e marisqueiro non deixou de mobilizarse para poder abastecer á sociedade galega de peixe variado e de calidade, saíndo ao mar cada día ou estudando novas vías para poder facelo. O consumo de peixe, ademais de proporcionarlle á nosa dieta vitaminas e proteínas, contribúe, de xeito fundamental, ao mantemento do tecido socioeconómico da comunidade.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad