Redacción 16/05/2020

Gustavo Barcia, voceiro local do BNG, reclamou á alcaldía no último pleno que impulse a reparación das deficiencias nas instalacións da Escola Infantil da Porteliña, a máis antiga do Concello.

 

Atendendo ás reclamacións da ANPA e ás necesidades dos pequenos, o BNG exixiu durante o último Pleno celebrado esta semana que a Escola de Porteliña sexa reorganizada de maneira integral e se que realicen os traballos de acondicionamento ou reparación pendentes para que, na hora da súa reapertura, os cativos poidan voltar ás aulas con total seguridade. En concteto, a renovación da tubaxe, necesaria para garantir a hixiene dos inodoros, o acondicionamento do xardín ou a reparación do tellado figuran entre as actuacións pendentes. Do mesmo xeito, reclama buscar unha solución para a falta de espazo no corredor, xa que a súa anchura non chega ao metro e medio e as crianzas acaban aglomerándose nel cada vez que teñen que ir ao comedor.

Segundo o portavoz do BNG, “as escolas infantís son un elemento fundamental para a educación das crianzas e tamén un factor importante para a conciliación familiar” e por iso defende que coidar este servizo debe ser unha prioridade para o goberno municipal. As instalacións da Porteliña, por outra parte, non son as únicas que presentan deficiencias e as demandas de todas as escolas infantís do concello deberían ser atendidas, en opinión de Barcia, antes da súa reapertura. Neste sentido, destaca a necesidade de dotar á escola da Veigadaña dun espazo exterior acoutado con xardín e terra, ao entender que é “algo moi importante para a ensinanza das crianzas”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad