Redacción 15/05/2020

A cantidade total é de 290.000 euros e, segundo o Concello, será destinada ao pagamento facturas de servizos esenciais e correntes correspondentes ao ano 2019. Sumado a dous outros recoñecementos extraxudiciais de crédito aprobados este ano para custear gastos de anos anteriores, o montante ascende a máis de 1.600.000 euros.

 

O goberno local prevé que este recoñecemento sexa o último deste ano 2020, e afirma que a súa realización foi posíbel por estar contemplada nos orzamentos municipais do presente exercicio. Con estas contas, o Concello pretende reconducir e depurar a situación financeira superando as propias expectativas de recuperación, e apóiase nun informe de Tesourería que recoñece una mellora considerábel na situación de liquidez. A día de hoxe, o Concello afirma que os pagamentos pendentes a provedores son un 73,3% menores en relación ao ano pasado, e os periodos medios de pagamento reducíronse a 33 días, se ben a lei establece un máximo de 30. 

Pola súa banda, o grupo GañaMós sostén que o Concello de Mos leva anos ignorando as recomendacións técnicas en materia financeira e realizando unha mala xestión dos orzamentos. Denuncian, dende os representantes da asemblea veciñal, a falta de execución de determinadas partidas e unha ineficiente contención do gasto. Aseguran que os fondos deben estar mellor asignados, en aqueles ámbitos onde se poida ter un impacto real na vida dos veciños. Na mesma, critican a actitude pugnaz da alcaldesa para coa oposición e o seu continuo afán de promoción da súa imaxe.

O grupo do BNG de Mos acha que a xestión financeira do Concello demostra a irresponsabilidade e falta de previsión do goberno local, sendo moitas das facturas atrasadas relativas a gastos “prescindíbeis”. Sinalan tamén a ineficacia sistemática na hora de deseñar os orzamentos, de maneira que logo non respaldan os custos reais. Durante a súa intervención no pleno, o voceiro nacionalista Gustavo Barcia quixo salientar o caso do convenio coa Fundación Celta para a celebración de dous campus de fútbol, que supuxeron uns pagamentos de polo menos 8.000 euros en total, e que, ao seu ver, son desproporcionados e mesmo poderían constituir unha irregularidade. Tamén fixo referencia ás facturas relacionadas coa celebración da festa de pre-fin de ano, cuxo montante ascende aos 19.000 euros, sendo esta cantidade máis do dobre do apartado de nadal nos orzamentos de 2019.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad