Redacción 12/05/2020

O Goberno Municipal acorda fomentar o consumo no comercio de proximidade e consensuará co resto dos grupos as posibles axudas que se lles poidan otorgar

 

 

O goberno municipal do Porriño e os grupos políticos da Corporación continuarán “mantendo todas as reunións que sexan precisas ata establecer un acordo consensuado para determinar de que xeito o Concello do Porriño pode axudar ao reinicio da actividade económica local”, subliñou a alcaldesa Eva García. A rexedora considerou “moi proveitosas” as reunións que onte á tarde mantivo o goberno municipal. Primeiramente cunha representación de diversos sectores da economía local. E logo cos voceiros dos grupos políticos da Corporación.

No primeiro encontro participaron representantes da Asociación de Comerciantes e Industriais de Porriño -ACIPOR-, da Asociación de Hostalaría de Porriño -AHOSPOR-, praceiras do Mercado de Abastos, taxistas e autónomos; os cales expuseron as dificultades que atopan e as necesidades que teñen para recuperar a actividade comercial, da hostalaría e doutros sectores; así como propostas que poderían facilitar o comercio na vila. Eva García relatou que dende o Goberno Municipal e o Concello “poden darlles apoio mediante campañas de promoción do consumo local fomentando que se compre aquí”.

Os representantes dos sectores económicos, tamén solicitaron axudas directas para reiniciar as súas actividades despois de dous meses de paralización. A alcaldesa explicoulles que dentro das competencias limitadas da administración municipal, “queremos consensuar con todos os grupos políticos da Corporación que modificacións orzamentarias poderíamos realizar para inxectar cartos na economía local”.

Precisamente, o Goberno Municipal mantivo onte á finalización de este encontro, outra reunión cos voceiros dos grupos municipais, na que trasladaron as peticións dos sectores económicos e valoraron que tipo de medidas de apoio poderían acometerse polo Concello. “Imos traballar para determinar as posibles modificacións necesarias do Orzamento Municipal e habilitar partidas para canalizar axudas”, manifestou Eva García.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad