No mes de febreiro, o Concello de Mos anunciou a saída a concurso público de contratación de todos os servizos e subministracións municipais co obxectivo de reducir os custes. Estes procedementos, que foran paralizados por mor da crise da COVID-19, son agora reanudados.
Tras unha reunión celebrada esta mañá, o Concello informa de que, ao longo desta mesma semana, se irán aprobando a adxudicación de determinados servizos, como a limpeza viaria e desbroce de cunetas, e abriranse os prazos para a presentación doutras licitacións, como os contratos de material de oficina ou o de renting de vehículos municipais. Desta maneira, o 80% das contratacións están xa a piques de ser adxudicadas, e cara finais do próximo verán serán concluídas o resto das licitacións.
A maioría destes contratos terán unha duración de 2 anos prorrogábeis ata un máximo de 4 anos. O Concello afirma que “esta medida suporá unha importante reducción de gasto para as arcas municipais, e con este sistema de contratación producirase un cómputo de aforro de, alomenos, un 10% do total do orzamento municipal anual e entre un 10 e un 20% de aforro económico en cada servizo”.