Os Servizos Sociais municipais coordinan a atención ás persoas vulnerables durante o estado de alarma
Contan co apoio continuado da Policía Local e Protección Civil
Detectar e prestar atención ás persoas en situación de vulnerabilidade, facilitar material de protección e coordinar a atención foron tres dos eixos sobre os que xirou o traballo dos Servizos Sociais Comunitarios ao longo das últimas semanas coa crise do Coronavirus. Este departamento municipal mantivo o traballo dende a casa do concello contando co apoio continuado da Policía Local e Protección Civil.
O servizo reforzouse nas últimas semana coa contratación dunha terceira traballadora social.
Coa declaración do Estado de Alarma, o pasado 14 de marzo, dende os Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Tui púxose en marcha un procedemento de coordinación co Centro de Saúde, a través da traballadora social, as residencias de maiores, o Centro Sociocomunitario e outras entidades prestadoras de servizos socias para detectar e poder prestar atención ás persoas vulnerables ante a nova situación derivada da COVID19.
Do mesmo xeito estableceuse un sistema de coordinación do Servizo de Axuda no Fogar, o programa Cultiva a túa Mente que se realiza xunto con AFAGA e ARI.
Coas tres residencias que hai na cidade, San Telmo, Paz e Ben e Doroteas, levouse a cabo unha estreita colaboración proporcionándolles material de protección coma xel hidroalcólico, mascarillas, batas, buzos, gorros, e realizando semanalmente desinfeccións.
Do mesmo xeito facilitáronse mascarillas e batas ás traballadoras dos dous servizos de axuda no fogar, SAF, que hai no municipio, un deles de xestión municipal e outro de xestión privada. Neste estado de alarma rexistrouse a alta de dous usuarios no SAF para servizos de 20 horas para a adquisición de alimentos e acompañamento, e está en proceso unha nova alta. Tamén de forma temporal rexistráronse algunha baixas debido á permanencia no domicilio dos coidadores habituais ou para previr contaxios.
Por outra parte habilitouse un programa de vivenda, a través dun convenio de colaboración cun albergue local, para dar atención ás persoas sen teito que nese momento había na cidade, ou que debido ao peche das fronteiras se viron inmobilizados en Tui. Catro persoas permanecen neste programa.