Resposta “moi satisfactoria” dos circuítos no paseo do Río Louro
Decenas de veciños e veciñas do Porriño acudiron dende as 6 ata as 10 da maña nesta primeira quenda, para facer deporte
O Concelleiro de Deportes David Alonso amosa a súa satisfacción pola resposta acadada entre a veciñanza do Porriño, cos circuítos habilitados no paseo do río Louro para persoas que saíron a correr ou ben a camiñar.
“A experiencia deste primeiro día de poder sair a facer deporte despois de 50 días de confinamento, resultou moi positiva polo que observei entre os que acudiron a facer uso dos sendeiros sinalizados”, indicou o concelleiro. “Observamos que o comportamento que tiveron os usuarios foi moi responsable, con criterio e respeto, empregando a marxe dereita para circular e gardando as distancias de seguridade” rematou David Alonso.
Nos días previos, as concellerías de Medio Ambiente e Deportes, nun traballo conxunto, desbrozaron, limparon e sinalizaron os diferentes circuítos cara á desescalada que hoxe comezou.