O BNG acaba de remitir ao goberno municipal unha serie de propostas relativas ao reforzamento dos servizos sociais para mellorar a atención aos cidadáns con maiores necesidades.
En concreto, o voceiro municipal Gustavo Barcia solicitou que se inclúa a contratación de máis persoal para o departamento de servizos sociais na modificación do Plan Concellos da Deputación anunciada esta semana. O BNG entende que, nesta grave situación de crise sanitaria, foi revelada a importancia dos servizos sanitarios e sociais, e insiste no erro que supuxo o desleixo dos poderes públicos nestas materias nos anos anteriores. A organización sitúa así en primeira liña de resposta o labor dos servizos sociais e sinala o traballo “sobrehumano” que as traballadoras deste departamento levan realizando nas últimas semanas.
Eis o senso da iniciativa nacionalista, que cre necesario reforzar o servizo con materiais e persoal, atendendo ás necesidades que se comuniquen dende o propio departamento e incluindo a recuperación da figura da educadora social. O BNG propón a incorporación deste persoal polo menos até final do ano “en condicións salariais e laborais dignas”.