Redacción 30/04/2020

O pasado luns 27 de abril tiveron lugar, de maneira telemática, a primeira reunión ordinaria da Xunta de Goberno Local e o primeiro pleno da Corporación Municipal de Mos trala declaración do estado de alarma pola pandemia do COVID-19.

 

O goberno municipal acordou a contratación de 19 persoas, que desenvolverán diferentes labores durante un periodo de 6 meses en réxime de xornada completa. Para iso decidiuse a modificación dunha liña de financiamento, relativa ao Plan Concellos da Deputación provincial, que prevía a realización dunhas obras que, en consecuencia, terán que agardar para ser executadas. O número de persoas contratadas no marco de tales subvencións aumenta de 7 a 19 e o investimento total será de máis de 220.000 euros. Mediante esta dotación, o goberno pretende dar prioridade ao emprego e maior seguridade a 19 familias do concello que, por mor da actual situación de pandemia, poidan estar nunha situación difícil.

Durante a celebración do Pleno, a alcaldesa Nidia Arévalo deu conta das medidas adoptadas e das iniciativas impulsadas para paliar os efectos da crise sanitaria provocada polo COVID-19. A voceira do grupo municipal socialista, Victoria Alonso, mostrouse inclinada a cooperar no canto de manter unha actitude crítica e ofreceu a disposición do seu partido para colaborar nas fases que virán a continuación. Na mesma, quixo mostrar o seu desacordo coa decisión de non incluir ao seu partido no Comité de Seguimento e pide que se tomen en conta as súas propostas ao tempo que reproba a actitude defensiva da alcaldesa durante o pleno.

O BNG de Mos tamén se posiciona nunha perspectiva construtiva, e insiste na necesidade de incluir aos partidos da oposición no Comité de Seguimento da crise do COVID-19 co espírito de contribuir a propor solucións. Neste sentido, o BNG ten solicitado ao Concello que actúe para que se realicen análises de tipo PCR, que detectan a infección do virus, aos traballadores municipais e, con maior importancia, ao persoal do Servizo de Axuda ao Fogar. Alén disto, outras propostas están dirixidas ao apoio do Concello ao tecido cultural local fronte á crise que xa sofre por mor da pandemia e a mellorar a información aos veciños en relación ao virus e os protocolos de seguridade. Tamén salientan dende o grupo BNG, por cuestións de seguridade, a importancia de revisar o emprego do ozono para realizar desinfeccións, tal como e está facendo o Concello, e solicitaron por escrito que se cese de realizar reportaxes de prensa que poñan en risco innecesario a traballadores, voluntarios e veciños.

Pola súa banda, o grupo municipal GañaMos mostrou o seu apoio ás medidas adoptadas ata o de agora e agradece a comunicación que a alcaldía está a manter co grupo dende o inicio da crise. Esperan que ese espíritu de transparencia se manteña para o resto da lexislatura e concordan coa necesidade de creación dunha mesa de traballo onde estean representadas todas as forzas políticas co obxectivo de dar unha resposta unida ás necesidades dos veciños neste escenario. Dende GañaMos achegáronse tamén algunhas propostas de reforzo dos servizos sociais e de apoio ao sector empresarial, como compensacións para a hostalaría ou a dotación de espazos de traballo para autónomos e pemes que non poidan sufragar un aluguer trala crise.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad