Balance positivo da primeira saída de menores de 14 anos en Salceda
A alcaldesa Loli Castiñeira fai fincapé na labor informativa da Polícia Local
O Concello de Salceda fai un balance positivo dos primeiros días de saída dos nenos e nenas menores de 14 anos aos espazos públicos que, salvo contadas excepcións, se realizou cumprindo as normas e respectando as indicacións marcadas dende o goberno. As sendas fluviais e os espazos abertos como prazas ou parques foron os lugares elixidos en maior maneira para estas saídas, que ademais se están a realizar ao longo de todo o día, evitando deste xeito as aglomeracións que poidan producirse nas horas puntas.
A Alcaldesa trasladoulle á Policía Local a necesidade agora máis que nunca da súa labor informativa, asesorando ás familias naqueles casos nos que se incumpran algunha das normas marcadas. A propia policía local trasladoulle á alcaldesa un balance positivo das primeiras saídas, salientando que, se ben sempre hai quen incumpre as normas, en xeral as saídas realizanse de xeito organizado e sen xerar maiores problemas.
O avance da pandemia do coronavirus en Salceda, ten só 8 persoas con resultado positivo nestes intres, todas elas en confinamento nos seus domicilios. Precisamente por ese resultado inciden dende o comité de seguimento na gran importancia de cumprir coas medidas de distanciamento social establecidas, e no fundamental do bo comportamento da cidadanía na obtención destes bos resultados que se agarda que sigan na mesma liña.
O persoal do centro de saúde trasladou tamén a través do comité de seguimento a enorme importancia de que Salceda siga na mesma liña de bo comportamento que permita manter estas cifras.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “a sociedade Salcedense é un exemplo unha vez máis de bo comportamento, apelamos á súa responsabilidade para a continuación nas vindeiras semanas. Traballando na mesma dirección conseguiremos vencer a este virus entre todos e todas”.