A Directora da Axencia de Turismo reuniuse este xoves con múltiples alcaldes da rede de Xeodestinos galegos, entre os que se encontra o Concello de Mos, para tratar a situación do sector turístico na Galiza e como este pode afrontar a actual situación de crise e o seu futuro. Nava Castro tamén informou aos representantes das corporacións locais sobre as iniciativas da Xunta neste ámbito.
A Directora rendiu conta das peticións trasladadas polo goberno rexional ao goberno do Estado. Trátanse dunha serie de medidas que considera urxentes, como a ampliación dos ERTE tras o confinamento, equiparable á apertura gradual dos distintos estabelecementos e atividades turísticas, ou a redución do IVE aplicábel ao sector do 21% ao 10%.
Asemade, a reunión tivo por obxectivo abordar as iniciativas que concirnen ao sector turístico no tocante á resposta á crise sanitaria e a súa derivada económica. A Xunta informou sobre o plan, xa en marcha, de teleformación dirixido a profesionais do turismo; o reforzamento da promoción turística nas redes; a elaboración dun plan de choque e a posta en marcha e coordinación dos estabelecementos de garda.
Este último punto posúe especial importancia pola súa función durante a crise. Os estabelecementos turísticos de garda ofrecen aloxamento e mesmo proporcionan comida a aquelas persoas afectadas pola crise, como traballadores de servizos esenciais desplazados ou colectivos vulnernábeis como persoas sen fogar, vítimas da violencia de xénero ou de exclusión social. Os aloxamentos que cumpran as condicións necesarias pódense inscribir na listaxe mediante comunicación á Xunta no enderezo comunicacion.turismo@xunta.gal. No sitio oficial de Turismo de Galicia existe información acerca dos estabelecementos dispoñíbeis.
A Xunta prepara tamén un plan de choque financiado con 25 millóns de euros para reactivar o sector turístico e cultural tras a crise do COVID-19. Os detalles sobre este plan están sendo ultimados, segundo informa o goberno galego, o cal tamén mobilizou 30 millóns de euros a principios deste mes no marco dun plan garantías para o financiamento de pemes e autónomos afectados pola crise. Na mesma, a Xunta colabora con outras adminstracións para preparar un plan de seguridade sanitaria aplicábel ao sector unha vez sexan levantadas as restriccións que lle atinxen.