
O consistorio mosense comezou ao inicio desta semana os preparativos para a reapertura de portas para atención ao público. Tales traballos inclúen a realización de sesións de formación para o persoal, a reestructuración dos labores desempeñados polas traballadoras e a desinfección e adaptación das dependencias da casa do Concello. Deste xeito, as cidadás de Mos que precisen realizar algunha xestión presencial no concello poderán facelo despois do 11 de maio, previa concertación telefónica dunha cita.
Este martes, once traballadoras do equipo de limpeza do Concello recibiron unha sesión de formación de dúas horas, que contou coa participación presencial da técnica de emprego do Concello e da asistencia por videoconferencia da técnica de prevencións de riscos laborais dunha empresa especializada. Xunto coas instruccións específicas para a realización dos novos labores de limpeza durante a crise sanitaria do COVID-19, foi entregada tamén unha guía de boas prácticas para aplicar no traballo.
Alén disto, inciáronse xa os preparativos para a organización das instalacións e o persoal municipal para que o día 11 de maio poida comezar a reanudarse a atención ao público. Xunto coa desinfección das dependencias consistoriais e a planificación de instalación nas vindeiras xornadas de elementos de seguridade (como billas automáticas nos baños, pantallas protectoras nos portelos de información, etc.), tales preparativos implican continuar coa reestructuración dos labores realizados polas traballadoras do concello: as conserxes dos centros educativos levan días incorporadas a outros traballos, e o persoal de limpeza asumirá tamén novos labores de desinfección e de apoio ao Servizo Municipal de Emerxencias en determinadas tarefas. Nos próximos días, o Concello continuará impartindo formación ao persoal municipal no tocante ás novas e excepcionais circunstancias de traballo.
Segundo a nota de prensa emitida polo Concello, estabeleceranse xornadas de traballo por quendas e flexíbeis para as traballadoras que retomen as súas tarefas de maneira presencial. O vinderio 23 de abril, a alcaldesa e persoal técnico do Concello reuniranse cos sindicatos CC. OO., CIG e CSIF co obxectivo de tratar as cuestións pertinentes da volta ao traballo no consistorio.