
É unha iniciativa conxunta, pensada e estudada para vertebrar as redes solidarias que xestionan ambas as entidades, fusionando ambas nunha soa máis forte e enriquecedora, logrando así a eficiencia e axilidade no servizo e que este chegue ao maior número de beneficiarios
Tras a posta en marcha por parte do Concello de Mos a través da concellería de Promoción Económica, Emprego e Desenvolvemento Empresarial do servizo municipal de asesoramento e atención a traballadores desempregados, empresas e autónomos, para falicitar información sobre as medidas e axudas derivadas da situación motivada pola crise sanitaria do COVID-19, a administración local mosense en colaboración con AEMOS (Asociación de Empresarios de Mos) pon en marcha a canle solidaria #PULSO SOLIDARIO na que próximamente indicarase como acceder e como participar a través da páxina web www.pulsosolidario.org (que se atopa en construción e nos vindeiros días estará operativa ao cen por cen) .
O servizo municipal de atención e asesoramento posto en marcha fai xa un mes atende telefónicamente de 09.00 horas a 14.00 horas no número da Axencia de Colocación de Mos: 986 48 77 86 e a través do enderezo de correo electrónico info@axenciadecolocaciónmos.es Préstase tamén servizo de intermediación laboral cos sectores que precisan persoal con urxencia e servizo de atención en materia fiscal para solventar as dúbidas relativas ao pago e liquidación de tributos locais no correo dudastributoscovid19@concellomos.es
Do mesmo xeito, AEMOS non deixou tampouco en ningún momento en prestar atención e asesoramento desde a declaración do estado de alarma e continúa facéndoo nos teléfonos 986 49 88 20 e 698 10 74 20 (WhatsApp) e no enderezo de correo electrónico aemos@aemos.es
Por outra banda a canle solidaria Concello de Mos-AEMOS nace agora motivada polas numerosas propostas, ofrecementos, mostras de cooperación e de solidariedade solicitadas no seo da Asociación e do propio Concello, ambas as institucións decidiron axuntar esforzos e crear un espazo de confluencia para empresas, institucións e persoas no municipio de Mos e a súa área, que sirva para canalizar, proxectar e divulgar toda a axuda ofertada, así como presentar a asistencia socio profesional brindada por un gran número de empresas, profesionais, institucións e particulares, nun momento de especial preocupación como consecuencia do impacto dunha crise de saúde sen precedentes. Moitas das empresas socias de AEMOS, nestes momentos de retardación económica, agudizan o seu enxeño e enfróntanse, día a día, a un futuro incerto para os seus negocios e para o mantemento do emprego dos seus traballadores. Nalgúns casos, as súas liñas de produción deixaron de producir os seus artigos habituais, pasando a resolver necesidades urxentes de orde sanitaria ou de seguridade para as persoas, ante un déficit de material de protección que hoxe é de urxencia e necesidade, estas empresas ofrecen os produtos elaborados ou os servizos que prestan sen marxe de comercialización e, en moitos casos, asumindo eles mesmos os seus custos de produción.
Créanse espontaneamente alianzas entre empresas competidoras para dar solución a demandas exponenciais de artigos de uso cotián e de alta necesidade de reposición. Outras brindan a súa cadea de provedores para cubrir as urxencias doutras empresas que non forman parte da súa cadea de valor. Especialmente sobresaen aquelas en as que o seu enxeño supera o seu desánimo, xa que na súa misión non se contempla a pasividade nin se tolera a derrota. De igual forma e no particular, destaca o gran número de persoas e profesionais autónomos que poñen en xogo os seus coñecementos e as súas habilidades para o ben común ofrecéndoo de forma desinteresada (Exemplo: Campaña da Renda para favorecer as devolucións da AEAT).Todo este ofrecemento, de carácter multidisciplinar, que atesoura a nosa comunidade social e empresarial supón un enorme valor e reafirma o seu compromiso e implicación coa sociedade na que interactúa, e ha de servir para axudar a neutralizar o forte impacto que provoca unha crise sanitaria sen precedentes. Un pulso ao COVID-19, onde a unión e cooperación de todos fainos máis fortes e levaranos a superar esta situación adversa con maior tranquilidade.
Concello de mos e AEMOS, en consecuencia, crean #PULSO SOLIDARIO.
Un novo espazo, que supón un empuxe á iniciativa creada no ano 2019 polo Concello de Mos, HABITAMOS, que se orienta conectar persoas e necesidades, a reunir e divulgar a solidariedade recibida no seo da Asociación e dos diferentes departamentos do Concello de Mos, sobre o que circulará toda axuda, proposta solidaria ou ofrecementos de cooperación de todo promotor, sexa este de orixe empresarial, institucional, profesional ou particular, nun momento de especial incerteza global e sistémica na que nos toca vivir. Un lugar para o encontro dos verdadeiros protagonistas desta iniciativa solidaria que non son outros que aqueles que promoven as iniciativas orientadas a paliar e mellorar as condicións actuais nas que se desenvolve a nosa vida cotiá.