Redacción 09/04/2020

Dos 35 mozas e mozos, estudantes de FP con bolsas en Europa, 29 decidiron seguir de momento nas súas estadías.

Carmela Silva agradeceu “o enorme grado de serenidade e responsabilidade do alumnado e das súas familias amais da súa colaboración nesta crise”.

 

A Deputación de Pontevedra está a coordinar co Goberno de España a repatriación voluntaria á provincia das e dos estudantes que estaban a desenvolver as súas mobilidades en cidades europeas, e que solicitaron á volta ao país pola crise xerada polo Covid19 Trátase de alumnas e alumnos de centros de Formación Profesional da provincia de Pontevedra que, desde fai uns meses, están a realizar as súas prácticas en empresas e centros de investigación de distintos países europeos coas bolsas do programa da Deputación Practicum Depo.

Ata o momento so seis estudantes decidiron retornar á provincia do total de 35 alumnas e alumnos. Os dous últimos chegaron aos seus domicilios onte á noite, procedentes das cidades italianas de Venecia e Verona. Os outros 4 estudantes retornados e retornadas desenvolvían a súa labor en Italia (2), en Portugal (1) e en Irlanda (1). As 29 bolseiras e bolseiros restantes decidiron de momento manter as súas estadías. 11 seguen en cidades de Italia, 6 en Portugal, 4 en Malta, 2 en Finlandia e 6 en Irlanda. Estas alumnas e alumnos estudan nos seus centros de FP da provincia ciclos medios de Conservación de medio natural, Producción agroecolóxica, Telecomunicacións, Actividades Comerciais, Electromecánica, Acuicultura, Actividades Físico-Deportivas, Xestión Administrativa, Sistemas Microinformáticos e Redes, Coidados de Enfermería, Xardinería e Florería, ou Instalacións Eléctricas e Automáticas.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, expresou o “agradecemento a todas e a todos os estudantes porque nos están a dar unha lección de serenidade e responsabilidade, ao igual que ás súas familias a pesar das dificultades lóxicas que estamos atravesando”. Silva agradeceu tamén ao goberno de España “a información puntual e diaria que están a dar e ao esforzo que están a facer para facilitar o retorno”.

O proceso de repatriación voluntaria está a ser coordinado pola Deputación co Goberno de España ao través do Ministerio de Exteriores e o de Universidades que están a organizar os voos e a garantir a seguridade e a protección de todos os participantes nestas bolsas europeas. Desde o inicio da crise sanitaria, a institución provincial co SEPIE, o Servizo Español para a Internacionalización da Educación, están a manter o contacto e seguimento diario do alumnado a quen, amais, se lles transmite toda a información puntual das medidas de contención en cada país europeo así como a organización das repatriacións para facilitar a volta daquelas e daqueles estudantes que así o requiran.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad