
O equipo de fútbol porriñés acudirá o vindeiro 13 de novembro a Tolosa para xogar a eliminatoria da Copa do Rei
O concelleiro de Deportes do Concello do Porriño, David Alonso, informou hoxe de que o goberno municipal porriñés acordou unha achega extraordinaria de 4.000 € ó C.D. Pontellas.
Trátase dunha aportación especial, a maiores da subvención anual que o Concello de O Porriño ten conveniada con C. D. Pontellas.
A presidenta do club local, Marta Costas mantivo fai 12 días unha reunión na Alcaldía coa alcaldesa, Eva García, e con David Alonso na que a directiva solicitou axuda económica e loxística do Concello debido ós gastos extraordinarios que lle supón a este modesto club afrontar a súa histórica participación na Copa do Rei.
O equipo local deberá xogar unha eliminatoria, a partido único, o vindeiro 13 de novembro contra o Tolosa. No caso de superar esta previa, o CD Pontellas xogaría na seguinte ronda da Copa do Rei contra un equipo de 1ª División, que non sería ningún dos catro que están a xogar a Champions League -Real Madrid, Barcelona, Atlético de Madrid ou Valencia-.
A achega extraordinaria da que informou o concelleiro de Deportes servirá, ó Club Deportivo Pontellas, para a viaxe e aloxamento do plantel en terras vascas.