Redacción 21/10/2019

A necesidade do grupo fundaméntase nas preto de 240 urxencias asistidas durante os últimos tres meses, as máis abundantes relativas a accidentes de tráfico

 

 

Con motivo do remate do contrato da brigada contra incendios, que finalizou o sábado 19 de outubro, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, fixo balance do seu traballo durante os últimos meses, así como do Servizo Municipal de Emerxencias en xeral.

A contratación desta brigada, dotada de 12 traballadores, é posible grazas ao convenio anual que o Concello de Mos asina coa consellería do Medio Rural, que dota á administración local dunha subvención para a prevención de incendios forestais.

Grazas a esta axuda, a administración local mosense contratou a unha brigada contra incendios e de apoio ao Servizo Municipal de Emerxencias, formada por 7 condutores motobomba, 4 operarios peóns e 1 xefe de brigada. Traballaron na prevención de incendios durante este verán, concretamente durante 3 meses, do 20 de xullo ao 19 de outubro; coordinados polo Encargado do Servizo de Emerxencias do Concello de Mos, Rodrigo Iglesias.

Durante os últimos tres meses estes 12 traballadores actuaron nun total de 237 intervencións, das que as máis numerosas foron os accidentes de tráfico: 87, seguidos dos incendios forestais: 32. Sen embargo as súas actuacións foron do máis variado e participaron ademais de en asistencia a sinistros e extinción de lumes forestais; en operativos relativos á organización de eventos, control de verquidos ao río, incendios de vehículos, recollida de animais…etc.

Dado o elevado número de intervencións, dende o Concello de Mos considérase necesaria a existencia no municipio dun GES (Grupos de Emerxencias Supramunicipais de Galicia) que se integre permanentemente no Servizo Municipal de Emerxencias. En concreto o de Mos trataríase dun Sub GES e estaría dotado dun grupo de 6 operarios que traballarían co coordinador de Emerxencias de Mos na asistencia a urxencias, incendios urbanos, industriais e forestais, accidentes de todo tipo, rescates, etc.

Dado que os GES dependen da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a rexedora local mosense márcase o obxectivo de intermediar e xestionar co vicepresidente autonómico, Alfonso Rueda, a entrada en vigor dun GES en Mos de cara ao vindeiro ano 2020.

Respecto da brigada municipal contra incendios deste verán que mañá remata o seu contrato a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, agradeceulles enormemente o labor de apoio ao Servizo Municipal de Emerxencias realizado e declarou que “a importancia deste dispositivo de loita contra incendios é vital”, pero incidiu en que “é preciso concienciar á cidadanía para intentar diminuír dende o primeiro momento o risco dun lume, xa que o monte é patrimonio de todos. Por iso insistimos en potenciar a prevención, a vixilancia e disuasión para que os montes mosenses non volvan ser vítimas de lumes coma os que tivemos que lamentar en 2017”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad