
Consideran inescusable a actuación do alcalde coas traballadoras contratadas polo concello que son vítimas de Violencia Machista, xa que o supervisor das mesmas está implicado nun procedemento desta índole
Esquerda Unida manifesta, en relación á cuestión das mulleres vítimas de violencia machista contratadas polo Concello de Ponteareas, que a Administración Local está actuando neste caso dunha forma torpe e falta de lóxica.
O alcalde Xosé Represas asegura estar dentro da legalidade ao “garantir” o cumprimento da orde de afastamento ditaminada xudicialmente contra o traballador responsable de medio ambiente con respecto a unha das mulleres contratadas.
Aínda así, o feito é que o concello puxo baixo a supervisión dun traballador implicado nun procedemento de violencia machista a nove mulleres precisamente vítimas de violencia machista.
Para EU, este proceder non é soamente que este falto de ética, se non que denota unha absoluta falta de sensibilidade e compromiso con respecto ás implicacións que levan o feito de ser vítima de violencia machista. Aínda tendo en conta, como é lóxico, a presunción de inocencia do traballador implicado nesta cuestión, o concello debería, por pura ética, non poñer a estas mulleres baixo a supervisión deste traballador.
Esquerda Unida lembra que é potestade do concello a distribución do persoal entre os distintos departamentos. De feito o concello cando lle interesa, cambia habitualmente de posto ao persoal ao seu puro arbitrio e sen dar contas a ninguén. Polo tanto, o alcalde non ten que agardar por ningún informe xurídico para actuar neste asunto. Isto é totalmente falso. Ao contrario do que afirma o alcalde, isto non é unha cuestión de legalidade. Os políticos non son simples xestores da legalidade, están para tomar decisións políticas dentro da legalidade. E trasladar de posto a este traballador implicado nun proceso de violencia machista ao seu anterior posto, algo que mesmo lle foi solicitado polo sindicato CCOO para que non teña baixo a súa supervisión a traballadoras vítimas de violencia machista, sería unha medida perfectamente legal e politicamente coherente.
Polo tanto, se o BNG de Ponteareas segue negándose a tomar medidas inmediatas neste asunto, dende EU teremos que entender que todas as declaracións contra a violencia machista, laciños violeta e pancartas no concello, non son máis que propaganda para dito partido. A violencia machista combátese con feitos e non con xestos.